Os socialistas condenan o novo ataque de Jácome contra os medios de comunicación

OurenseXa
Consideran o comportamento do alcalde “impropio de calquera cargo público e directamente incompatible coa máxima autoridade da cidade”
natalia-gonzalez
26 Nov 2025

No último Pleno Extraordinario do Concello de Ourense, celebrado este martes, o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, volveu cargar contra os medios de comunicación atacando a un fotógrafo que se atopaba traballando e ao que chamou “paparazzi”. Unha situación que para os socialistas “nunca debería ter cabida nunha institución pública seria”.

O alcalde, din, “decidiu converter a súa falta de control nun espectáculo lamentable” e afean o “evidente ton de desprezo, como quen se sente con dereito a rebaixar a dignidade profesional allea”. Un comportamento que consideran “impropio de calquera cargo público e directamente incompatible coa máxima autoridade da cidade”.

A denuncia dos socialistas súmase á da Asociación Profesional de Fotoxornalistas de Galicia, que expresou a súa condena á atitude do alcalde de Ourense lembrando que “estes ataques non son só contra un profesional, senón contra todos e todas as e os que garanten a liberdade e a transparencia”. A Asociación de Periodistas de Galicia sumouse tamén á denuncia, salientando “non é un caso illado, é un patrón de descalificacións e desleixo ás e os xornalistas en Ourense”.

Ambas asociacións piden a Jácome unha desculpa pública, unha demanda á que se suman as socialistas, que reivindican o labor dos profesionais da información. “Os e as fotoxornalistas, igual que quen traballa na información, son imprescindibles para que unha cidade saiba o que pasa, para que haxa luz, para que haxa democracia. Traballamos con eles e elas e coñecemos a súa profesionalidade, o seu respecto e a súa humanidade”.

Para o PSdeG de Ourense é “profundamente triste ter que seguir denunciando episodios deste tipo: desprezo, mala educación institucional e un deterioro constante da imaxe da cidade por parte do propio alcalde”. Ourense, din, “non merece isto. A cidadanía tampoco”.

“Os medios de comunicación merecen liberdade, consideración e respecto. Sen eles non hai democracia que funcione. Sen eles, sen elas, só queda a opacidade, o medo e o autoritarismo”, rematan nun comunicado, no que condenan taxantemente a atidude que o alcalde de Ourense mantén cara os medios.

⚙ Configurar cookies
0.078428030014038