Os socialistas critican a decisión de Jácome de pechar os parques pola noite

OurenseXa
Logo de preguntar na Xunta de Área pola prohibición do horario dos parques “a partir das 22.00 horas en época escolar”, as edís do PSdeG confirmaron que non está avalada por ningún informe nin existe planificación sobre como se vai levar a cabo
Alba Iglesias e Natalia González, grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense
25 sep 2024

Tras preguntar na Xunta de Área de Infraestruturas, Servizos Urbanos e Medio Ambiente, aprazada dende a semana pasada, o grupo municipal socialista sinala que a prohibición do horario dos parques “a partir das 22.00 horas en época escolar” non está avalada por ningún informe nin existe planificación sobre como se vai levar a cabo o seu cumprimento. “Van pechar os parques? Quen se encargará de controlar o horario de peche?”, pregúntase a edil do PSdeG Alba Iglesias.

E incide sobre esta medida en que o máis “alarmante” é que o executivo local non conta “cunha planificación” que apoie esta decisión e que a única solución que puxeron sobre a mesa é “colocar carteis cunha recomendación de non empregar estas instalacións nese horario”. Segundo o trasladado polo equipo de Jácome, darase aviso á policía en caso de incumprimento. “A que policía? Os efectivos da Local están baixo mínimos e ademais non teñen horas extra”, destaca a concelleira.

No que atinxe a outros asuntos, as socialistas lembran que “o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) leva paralizado e gardado nun caixón desde abril de 2022” e que tampouco hai previsións de “novas obras para rehabilitar e dignificar as instalacións do viveiro municipal”.

“Estamos ante un goberno que prioriza o cemento por riba das zonas verdes, cunha actitude de ‘arboricidio’ constante e unha xestión insostible”, remata a edil do PSdeG no Concello de Ourense ante un futuro que semella máis negro que verde.

0.17846393585205