Os socialistas critican o “abandono sistemático de Ourense” nos Orzamentos da Xunta para 2026

OurenseXa
Denuncian que a proposta deixa fóra investimentos clave para a cidade, como un novo pavillón de ximnasia, a renovación do estadio do Couto, o novo edificio administrativo nas Lagoas, o transporte metropolitano ou o termalismo
natalia-gonzalez-carmen-rodriguez-dacosta-psoe-ourense
Natalia González e Carmem Rodríguez Dacosta
22 Oct 2025

Os PSdeG de Ourense denuncia o “o abandono sistemático de Ourense por parte do executivo galego” nos Orzamentos da Xunta para 2026 e alertan de que a terceira cidade de Galicia volve quedar “relegada ao último lugar da fila”. 

“Este novo orzamento confirma que Ourense segue fóra do mapa das prioridades da Xunta. É inaceptable que a chamada capital termal de Galicia non reciba nin un só euro para impulsar o seu sector máis emblemático, mentres o Plan Estratéxico Termal (PETOU) segue gardado nun caixón”, lamentou a coceira socialista, Natalia González, que tamén criticou a “pasividade” do goberno municipal neste ámbito.

A dirixente socialista subliñou ademais a ausencia de investimentos en materia deportiva, destacando que “non hai rastro do novo pavillón de ximnasia”, unha infraestrutura que permitiría converter Ourense “na capital galega deste deporte”. Na mesma liña, lembrou que “tampouco hai maneira de abordar dunha vez por todas a renovación total do estadio do Couto, que segue sendo unha ferida aberta na cidade”.

No ámbito sanitario, González denunciou que os veciños de O Vinteún e Mariñamansa seguen á espera da construción dos seus centros de saúde, mentres que a Xunta “dá por definitivamente perdida a xestión pública do novo CAPD, demostrando que coidar ás persoas non é unha verdadeira prioridade”.

Ás carencias en infraestruturas e servizos súmase, segundo os socialistas, o “bloqueo” de proxectos xa anunciados, como o novo edificio administrativo nas Lagoas, e a falta de avances no transporte metropolitano, que “segue sen arrancar” en plena polémica polo cambio das liñas de autobuses urbanos.

Por todo iso, a voceira anunciou que o PSdeG de Ourense presentará “un importante paquete de emendas” co obxectivo de “corrixir as grandes deficiencias destes Orzamentos e garantir que a cidade reciba un trato xusto e os investimentos que leva anos agardando”.

⚙ Configurar cookies
0.095768928527832