Os socialistas da Merca demandan a suspensión do orzamento municipal

OurenseXa
Advirten de “risco de responsabilidade penal e vulneración dos dereitos” e anuncian unha emenda a totalidade
Casa_do_concello_A_Merca
10 Mar 2026

O PSdeG-PSOE da Merca solicita a suspensión do orzamento 2026 ao considerar que constitúe “risco de responsabilidade penal e vulneración de dereitos”, e anuncian a impugnación preventiva das contas xa que din, o procedemento administrativo "nace viciado de nulidade de pleno dereito".

O voceiro municipal, Carlos Sousa, compareceu no día de onte na comisión de Facenda para manifestar o seu “rexeitamento frontal” ao proxecto de orzamentos presentado polo goberno municipal do Partido Popular.

Sousa baseou a súa intervención no informe xurídico de secretaría (expediente 143/2026), que advirte que a inacción do concello ante o risco de derrube de vivendas, xa advertido reiteradamente polo PSdeG en mocións de 2023 e 2025, que podería derribar en “responsabilidade patrimonial e incluso penal”.

Segundo explica o voceiro socialista, este borrador “apenas consigna 1.700 euros para esta fin”, unha cantidade que cualificou de “ridícula e irresponsable”, tendo en conta que o 20% do parque de vivendas do municipio presenta, ao seu entender, “deficiencias graves”.

A impugnación presentada polo PSdeG tamén sinala unha vulneración do artigo 23 da Constitución Española. Os socialistas explican que informe do secretario confirmaría que o bloqueo sistemático das mocións da oposición sobre seguridade pública supón un ataque ao dereito de participación política. “Ditaminar hoxe estes orzamentos sen ter debatido antes as propostas de seguridade é afondar nunha ilegalidade que invalida todo o proceso plenario”, afirma Sousa que, ante a gravidade dos feitos, solicitou formalmente a suspensión do trámite plenario. O voceiro socialista sinala que, ao retirarse o proxecto, o PSdeG vén de rexistrar unha emenda á totalidade de devolución.

“Non podemos ser cómplices dunhas contas que o propio secretario vincula cun posible abandono de funcións”, apunta Sousa. “Se o PP aproba estes orzamentos coa súa maioría, presentaremos alegacións e impugnaremos o documento por vía xudicial para protexer o patrimonio do concello e a integridade física dos nosos veciños e veciñas”, advirte o voceiro socialista.

0.12017798423767