Os socialistas de Ourense amosan o seu apoio aos traballadores da base de mantemento de Renfe

O PSdeG-PSOE de Ourense mantivo esta mañá unha reunión de traballo co representante do Sector Ferroviario de CGT en Galicia, para escoitar as súas reivindicacións e reclamacións en relación a base de mantemento de Renfe-Enxeñería en Ourense, que conta nestes momentos cun cadro de persoal de 32 traballadores e traballadoras.
Na reunión estiveron presentes a deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez; a deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta; o deputado do grupo provincial socialista na Deputación, Diego Fernández Nogueira; a voceira do grupo municipal socialista no concello de Ourense, Natalia González Beneitez; e a concelleira socialista no concello de Ourense, Alba Iglesias García.
Durante o encontro o representante do Sector Ferroviario CGT en Galicia expuxo as diferentes necesidades que precisan actualmente os talleres. Entre eles destacou que a prioridade é a realización de investimentos para adaptalos a nova demanda dos vehículos autopropulsados 599 que cuxo mantemento comezará a realizarse en Ourense. As e os traballadores dos talleres reclaman tamén que se garanta a carga de traballo e se adapten aos novos tempos as instalacións.
Dende o PSOE ourensán trasladáronlle o compromiso de Renfe con Ourense, despois de anunciarse unha reorganización das actividades, que se centrarán, sobre todo, no mantemento de vehículos autopropulsados de viaxeiros e na reparación de compoñentes ferroviarios. As e os socialistas sinalan que esta decisión “amosan a aposta de Renfe pola continuidade da actividade e do actual equipo de traballadores e traballadoras no taller de Ourense”.
As e os socialistas tamén destacan que “o compromiso coa evolución e a adaptación ás necesidades do sector e a aposta polo futuro mantemento na BM de Ourense é total”, xa que tal e como apuntan “substituirase o mantemento do parque moi antigo e próximo ao fin da súa vida útil por material máis moderno, ademais de incorporar novas liñas de reparación de compoñentes”.
Renfe xa anunciou que entre as novidades desta nova organización do taller, deixarase de manter nas instalacións as locomotoras S333 para especializarse no mantemento de vehículos autopropulsados de viaxeiros da serie 599 e na reparación de diferentes compoñentes ferroviarios.