Os socialistas de Ourense destacan a necesidade de que as inquedanzas da xente nova cheguen ás distintas administracións

OurenseXa
O PSdeG de Ourense e as xuventudes socialistas da cidade traballarán conxuntamente para que as necesidades da mocidade cheguen aos espazos nos que se toman as decisións que lles afectan
Encontro entre o grupo municipal socialista e as xuventudes socialistas de Ourense
Encontro entre o grupo municipal socialista e as xuventudes socialistas de Ourense
14 Jan 2025

O grupo municipal socialista mantivo un encontro con integrantes das Xuventudes Socialistas da cidade para abordar distintas campañas e actuacións que desenvolverán conxuntamente neste comezo de 2025. “O obxectivo é que as inquedanzas e necesidades da xente nova cheguen aos espazos nos que se toman as decisións que lles afectan, xa sexa a nivel local, autonómico ou estatal. Por iso levamos anos tecendo sinerxias entre XX.SS., a agrupación do PSdeG e o grupo municipal”, explicou a portavoz no Concello de Ourense do partido, Natalia González.

Neste senso, sinalou que as reunións realizaránse con asiduidade para que as iniciativas no que respecta ao colectivo LGBTI, a igualdade, á escaseza de vivenda ou de oportunidades laborais, así como a demanda de promover políticas culturais amplas, estean próximas ao sentir da cidadanía. “Deste xeito abordamos, nos últimos anos, temas tan relevantes como a reactivación do Espazo Lusquiños, a saúde mental, a memoria democrática ou a problemática do botellón, entre outras cuestións, a través de foros e actos abertos á veciñanza con profesionais e expertos nestas materias”, lembrou a tamén secretaria xeral do PSdeG en Ourense.

Pola súa banda, o seu homólogo en Xuventudes Socialistas, Miguel Gómez, puxo enriba da mesa cuestións que preocupan non só aos e ás ourensás máis novas, senón a poboación de todos os grupos etarios en xeral, como a urxencia dun transporte público acorde ao século XXI e sostible, a escoita activa de entidades e colectivos que permanecen abandonados, tanto polo goberno municipal como polo autonómico, ou promover actividades culturais máis aló das orquestras que programa Gonzalo Pérez Jácome.

“Recentemente presentamos unha campaña aquí, no casco vello de Ourense, sobre a dificultade de acceso á vivenda para a xuventude. Pero non queremos quedarnos só naquelas carencias da Administración que levamos tempo denunciando, senón aportar solucións e amosar que outras políticas son posibles se hai vontade”, afirmou o secretario xeral de XX.SS. na cidade. “E o mesmo podemos dicir sobre o servizo de autobuses, que xa foi protagonista dalgunha das nosas campañas en anos anteriores”, exemplificou.

Reforzar a cooperación cos distintos movementos e entidades sociais será outro dos obxectivos que tanto o grupo municipal socialista como a organización xuvenil destacaron para continuar traballando conxuntamente neste novo ano político.

 

0.17583799362183