Os socialistas de Ourense esixirán ao Concello a recuperación definitiva da Fonte do Tinteiro

OurenseXa
Piden, ademais, un servizo de tren turístico termal diario
roldaa-prensa-psoe-ourense
30 Sep 2025

O grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense presentou esta mañá as iniciativas que defenderán no vindeiro pleno ordinario de outubro e coas que instan ao executivo de Gonzalo Pérez Jácome á recuperación definitiva da Fonte do Tinteiro e á substitución dos vehículos do tren termal por outros seguros e funcionais con servizo diario.
Esta petición súmanse á xa anunciada onte para que o Concello atenda as demandas históricas da veciñanza de Verea Vella, aproveitando as obras previstas para o Parque Coto de Canedo.

No que atinxe ao termalismo, a voceira socialista, Natalia González, denunciou o “abandono do goberno de DO” nesta materia, e puxo de exemplo o caso da Fonte do Tinteiro que, lembrou, “á marxe de ser un recurso natural”, tamén é “un emblema histórico da nosa cidade”. Gozález lembrou que xa hai dous anos que o seu grupo denunciou “a chapuza que se levou a cabo na remodelación deste espazo” e afirma que o tempo “acabou dándonos a razón”, polo que insta ao executivo de Jácome a acometer unha remodelación definitiva.

A día de hoxe, afirma Gonzaléz, este espazo “nin sequera serve para os seus usos mineiromediciñais nin a veciñanza pode empregala como acontecía dende hai décadas porque a auga do río se mestura coa auga termal”. Denuncia ademáis que, segundo as respostas do Goberno municipal nas Xuntas de Área, o que pretende o executivo é “acometer outro parcheo”. O que piden os socialistas, explica a voceira, é “unha reforma integral para devolver o sentido histórico e funcional a este espazo emblemático.

Ademais, González puxo de manifesto que “o tren turístico termal foi recuperado recentemente polo goberno local sen cumprir os compromisos adquiridos no pleno de setembro de 2023, no que se habilitou unha partida de 300.000 euros para a compra de dous novos vehículos”. Así, sinala, o servizo “púxose en marcha cos vellos trens, que non reúnen condicións nin de seguridade nin de comodidade e a súa frecuencia pasou a ser de só as fins de semana cando anteriormente ofrecía un servizo diario”.

“Dada a incompetencia do executivo municipal, pedimos que se volva a levar ao pleno unha nova partida orzamentaria para adquirir, dunha vez por todas, dous novos vehículos que se poidan poñer en funcionamento cunha frecuencia diaria”, puntualizou sobre a proposta no eido termal que defenderán e para a que agardan obter o respaldo do resto dos grupos políticos.

Respecto ás mocións do PP para esta sesión plenaria ordinaria, adiantou que o seu grupo presentará dúas emendas de engádega para ampliar as súas demandas. Entenden imprescindible que se reactive o Consello Municipal de Persoas Maiores e que se actualice a súa denominación incluíndo a “soidade non desexada” e o “edadismo”, tanto á nomenclatura como ao ámbito de actuación, dotando de fondos un servizo que dea resposta efectiva ás necesidades das persoas maiores de Ourense. E no caso do turismo, esixen que o executivo municipal actualice e poña en marcha o ‘Plan de acción no destino turístico Ourense ante a chegada do AVE’ antes de que remate 2025.

Por outra banda, a tamén secretaria xeral do PSOE na cidade, lamentou que non se teñan en conta ningunha das dúas declaracións institucionais propostas polo seu grupo municipal para, por un lado, que o Concello se posicione ante o xenocidio en Gaza e apoie o recoñecemento do Estado de Palestina e, por outro, para impulsar o Campo de Aragón como lugar de Memoria Democrática. “O que buscabamos era acadar o consenso de todas as forzas políticas para situar a nosa cidade no lugar que lle corresponde en lugar de permanecer de perfil ante dous temas que consideramos importantes”, aclarou.

“Recibimos un ‘non’ rotundo por parte de DO. Un ‘non’ rotundo que non por esperable, por parte dun partido que prácticamente se sitúa na extrema dereita a todos os niveis, deixa de ser decepcionante cando todas as grandes cidades se posicionaron ante o asasinato de máis de 20.000 nenos. No caso do Campo de Aragón, tampouco entendemos o rexeitamento do PP, polo simple feito de mesturar a política nacional coa local. Trátase do lugar de Galicia con máis vítimas fusiladas de toda Galicia e a posición do Partido Popular só responde ao ‘non polo non’ de Alberto Núñez Feijóo”, rematou González.

⚙ Configurar cookies
0.07248592376709