Os socialistas de Ourense piden ao Concello un aumento das axudas ás entidades deportivas para 2025

OurenseXa
Piden, ademais, sacar adiante a reforma do campo de fútbol de Palmés, o proxecto do novo campo de Seixalbo ou a construción dun pavillón de ximnasia en Ourense
Alba Iglesias e Natalia González, grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense
Alba Iglesias e Natalia González
29 Dec 2024

O grupo municipal socialista sinala que acadou o compromiso do goberno local, no decurso das reunións do Consello Municipal de Deportes (CMD) deste ano, de poñer fin ao actual sistema de «nominativas extra a dedo» e consensuar e levar adiante unha nova liña de axudas máis igualitaria, ampla e competitiva.

Os traballos neste senso, segundo confirmou o presidente do órgano, Aníbal Pereira, comezarán á volta de Nadal e teñen como obxectivo poñer fin a unha solución excepcional que deixou a criterio dos últimos executivos de PP e DO escoller as cifras e nomes para o reparto de fondos públicos aos clubs e entidades da nosa cidade.

Nesta liña, o grupo municipal socialista sinala que ditos clubs e entidades “obviamente non se poden opoñer a recibir esas axudas”, pero amósanse conscientes das “desigualdades e vicios que xera” o mantemento dun sistema “arcaico e caciquil”.

Ademais, agardan as e os edís do PSdeG no Concello de Ourense que en 2025 saia adiante, por fin, a reforma integral do campo de fútbol de Palmés, para o que a veciñanza contará co apoio das e dos socialistas. Así como que se desbloquee o proxecto do futuro novo campo de Seixalbo e a construción dun pavillón de ximnasia para todas as disciplinas deste deporte, demandado dende hai anos, en Ourense.

0.17698383331299