Os socialistas de Ourense piden un plan de choque para atender ás persoas sen teito da cidade

OurenseXa
Ademais, esixen máis programas de prevención ás adicións e á drogodependencia
Alba Iglesias, María Fernández e Natalia González, PSdeG-PSOE de Ourense
Grupo Municipal Socialista no Concello de Ourense
22 Apr 2025

Logo das Xuntas de Área que tiveron lugar esta mañá no Concello de Ourense, as e os edís do grupo municipal socialista critican a falta de rumbo por parte do executivo de Gonzalo Pérez Jácome na atención ás persoas sen teito pese a recoñecer dende o goberno local que nos últimos meses esta problemática se viu incrementada. “Contestaron que as actuacións levadas a cabo neste senso se producen unha vez acceden ao fogar do transeúnte se demandan a atención dunha traballadora social”, advirten sobre a ausencia de poñer en marcha un plan de choque.

Neste senso, reclaman que non basta co traballo que realizan dende Cruz Vermella, Cáritas ou Juan Soñador para atender as demandas actuais da terceira cidade de Galicia e dar resposta ás necesidades detectadas. “Non só non ofrecen accións políticas concretas ao respecto, senón que deberían elaborarse plans de prevención de adiccións e drogodependencia para previr e, no seu lugar, o que se fai é suprimir as partidas destinadas a elo”, indican.

Nesta liña, lamentan a pouca ambición por parte do executivo de Democracia Orensana para que as familias que máis o precisan poidan acceder ás axudas de libros e comedor que o Concello convoca cada ano ao realizarse cambios “mínimos” nas bases modificando unicamente a renda per cápita. “Probablemente aconteza o mesmo que en anos anteriores e moita cativada que realmente o necesita vaia a quedar excluída desta bolsa”, subliñan.

Engaden, así as cousas, que as entidades do terceiro sector tampouco son unha prioridade para o goberno de Jácome ao manterse o mesmo crédito en 2025 que se destinou en 2024, tal e como responderon nas Xuntas de Área. E tampouco obtiveron resposta as edís do grupo municipal socialista respecto a cando terá lugar a convocatoria do Consello Municipal de Servizos Socias que esixiron por rexistro as asociacións e organizacións que desenvolven un labor fundamental na cidade.

⚙ Configurar cookies
0.080509901046753