Os socialistas de Ourense reafirman o seu apoio ao COB e o seu compromiso coa igualdade

O Grupo Municipal Socialista de Ourense mantivo esta semana un encontro coa directiva do Club Baloncesto Ourense (COB) para coñecer de primeira man o traballo que o club desenvolve tanto dentro como fóra da cancha. O encontro serviu para poñer en valor os esforzos do COB por consolidar Ourense como unha cidade vinculada ao baloncesto para todos.
Durante a reunión, os representantes socialistas expresaron o seu compromiso co proxecto deportivo e social do club, que experimentou un crecemento notable nos últimos anos. En especial, destacaron o impulso ao baloncesto feminino, co que o COB busca aumentar a visibilidade e o protagonismo das mulleres no deporte.
“Este ano, apostamos máis que nunca polo COB en feminino, apoiando o esforzo do club por dar máis visibilidade e espazo ao deporte e á muller”, sinalou a líder socialista, Natalia González.
Cómpre lembrar que o pasado mes de agosto o Club Baloncesto Ourense presentou o seu primeiro equipo sénior feminino en case 50 anos de historia, un fito que reforza o seu compromiso coa promoción do baloncesto feminino e co crecemento do deporte na cidade.