Os socialistas de Paderne de Allariz instan ao Concello a aplicar os descontos na taxa de recollida do lixo

OurenseXa
Veñen de presentar unha moción para esixir ao Goberno local que cumpra co establecido pola Deputación para que a veciñanza poida beneficiarse dos descontos
contedores-de-lixo-Chantada
17 Mar 2025

O PSdeG-PSOE de Paderne de Allariz vén de presentar unha moción para o seu debate en sesión plenaria na que insta ao concello a aplica os descontos que xa aplica a Deputación Provincial de Ourense para a cidadanía dos concellos que realizan a recollida do lixo a través do servizo que ofrece o ente provincial. As e os socialistas relatan que en Paderne “o servizo de recollida de lixo está actualmente xestionado con GESECO, polo que a veciñanza actualmente non pode optar ás bonificacións”.

Dende o grupo municipal socialista en Paderne de Allariz explican que trala suba do canon de Sogama, “produciuse unha subida do importe que a veciñanza paga pola taxa do lixo”. Ante esta situación o grupo provincial socialista impulsou un acordo na Deputación Provincial para que esta aplique unhas bonificacións nos recibos. No caso de realizar compostaxe doméstica o desconto na factura será do 30%, no caso de utilizar o punto limpo dúas veces ao ano o desconto é do 10%, e se se empregan ambas fórmulas o desconto sería do 40%.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Paderne de Allariz, Antonio Estévez Blanco, pon de manifesto que “dado que no noso concello a recollida do lixo está xestionada por unha empresa privada, a veciñanza non pode acollerse as bonificacións e verá incrementado o recibo de forma notoria”. Ante esta situación, o edil socialista considera “imprescindible” que o concello negocie coa empresa que se encarga da recollida para que “se apliquen bonificacións similares as que ofrece a Deputación Provincial”.

As e os socialistas tamén instan ao goberno municipal a que realicen campañas de concienciación entre a veciñanza, gratuítas e obrigatorias, dentro do contrato asinado con GESECO. “Consideramos imprescindible esta labor por parte do concello e da propia empresa co fin de incentivar a compostaxe e o coidado do medio ambiente entre a veciñanza”, subliña Estévez Blanco.

O PSdeG-PSOE de Paderne de Allariz considera que “dado que a veciñanza deposita restos orgánicos nas hortas, sería moi sinxelo fomentar os composteiros e presentar fotografías dos mesmos para poder acollerse ás bonificacións”. Asemade, tamén destacan “a necesidade primordial” de contar con máis contedores de papel e vidro no municipio, co claro obxectivo de “fomentar aínda máis a reciclaxe”.

⚙ Configurar cookies
0.47061109542847