Os socialistas denuncian a paralización do rueiro feminino de Ourense

Os socialistas ourensáns expresan o seu descontento tras a última Xunta de Área de Servizos Sociais do Concello de Ourense, onde está incluída Igualdade e onde o grupo municipal socialista expuxo en reiteradas ocasións as inquedanzas e esixiu solucións sobre a posta en marcha do rueiro feminino, que a día de hoxe, sinalan, está paralizado.
O goberno de Gonzalo Pérez Jácome, explican, argumentou que para levar a cabo esta iniciativa sería preciso modificar o Regulamento de Honras e Distincións polo que se rexe a Administración local. “Advertiu o executivo de Democracia Orensana que, do contrario, non poderían dar cumprimento aos acordos plenarios ao respecto e, polo tanto, cremos nós, o rueiro feminino que foi apoiado por toda a Corporación no seu momento seguirá paralizado sine die”, lamenta a edil do PSdeG Cristina Cruz.
“As socialistas suxerimos crear unha Comisión para a redacción e aprobación dun novo regulamento; o cal non resulta necesario só para isto, senón tamén para outros temas pendentes; e onde poidamos participar todos os grupos políticos. Incidimos, como se dixo na propia Xunta de Área, na posibilidade de facer nomeamentos ante un acordo unánime político –tal e como aconteceu noutras ocasións como, por exemplo, a estatua da praza Saco e Arce ou o Parque 25N de Reza–”, explicou a edil do PSdeG.
Así as cousas, o grupo municipal socialista considera que a inacción da Concellería de Igualdade non se pode escusar na complexidade burocrática para non avanzar neste tema posto que, de ter vontade política, existen solucións. “O noso propósito é contribuír a acadar que Ourense sexa unha cidade feminista valorando e dando visibilidade, a través do rueiro, a todas esas mulleres (Cuca Tovar, Olga Gallego, as irmás Touza…) que nos distintos eidos da cultura, da ciencia e do deporte destacaron de maneira brillante e amosando o mellor lado da condición humana”, rematou resumindo Cristina Cruz.