Os socialistas denuncian que a Deputación de Ourense estase a desentender dos incidentes do CHUO

Na resposta oficial ás preguntas formuladas polo Grupo Provincial Socialista sobre as obras no Centro Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) e os incidentes relacionados, a Deputación desenténdese da problemática, argumentando que non ten competencias na materia e trasladando a responsabilidade á Xunta de Galicia. "Non podemos aceptar que a Deputación se lave as mans diante de problemas tan graves como os atrasos nas obras ou a seguridade das instalacións hospitalarias", lamentou Álvaro Vila Araújo, voceiro socialista na corporación provincial.
A resposta oficial foi recibida con preocupación polos socialistas, que acusan á corporación provincial de eludir o seu papel activo na supervisión de proxectos clave para a saúde pública. "Máis alá do seu marco competencial, a Deputación ten a obriga de actuar como mediadora entre a administracións e poboación, velando pola correcta marcha de proxectos chave para a nosa provincia e esixindo explicacións á Xunta sempre que sexa necesario na defensa dos intereses de Ourense", dixo Vila. Para este, “a resposta é insuficiente, evidencia desleixo e evita abordar as preocupacións manifestadas pola cidadanía”.
Diante deste panorama, o Grupo Provincial Socialista insta á Deputación de Ourense a asumir un papel máis activo na defensa dos dereitos e necesidades dos cidadáns de Ourense. "É obriga da Deputación atender e mediar en calquera situación que afecte á provincia, nomeadamente cando está en xogo a seguridade e benestar dos cidadáns", engadiu. Durante as últimas semanas sucédense os incidentes, como o desprendemento dos teitos no terceiro andar do Hospital Materno Infantil ou graves inundacións nas instalacións por mor de deficiencias nos sistemas de drenaxe derivadas dos traballos en curso.
Traballadores e sindicatos, así como os usuarios do CHUO, arrecían nas súas denuncias sobre o estado dos traballos e a sucesión de accidentes, destacando a falta de transparencia e planificación das obras. Tamén reclaman que Xunta e Deputación adopten “medidas urxentes” para garantir a seguridade e evitar máis incidentes que poñan en risco vidas de pacientes, visitantes e persoal. "Non é de recibo que a saúde da nosa provincia siga sendo tratada como unha prioridade secundaria. Demandamos responsabilidade, compromiso e acción por parte de todas as administracións implicadas", concluíu Vila.