Os socialistas denuncian que a Xunta non destinou fondos de compensación territorial a Ourense

OurenseXa
Advirten de que, con esta decisión, a provincia queda fóra do principal instrumento estatal para corrixir os desequilibrios territoriais
natalia-gonzalez-alvaro-vil-carme-dacosta
PSdeG-PSOE de Ourense
9 Aug 2025

O PSdeG de Ourense acusou á Xunta de Galicia de excluír á provincia do Fondo de Compensación Interterritorial, principal ferramenta estatal para corrixir os desequilibrios territoriais. Segundo datos do Consello de Contas, en 2022 Ourense non recibiu “nin un só euro” deste mecanismo, mentres que o 95% dos fondos se destinaron a Pontevedra.

En rolda de prensa, a deputada autonómica Carmen Rodríguez Dacosta, o secretario provincial Álvaro Vila Araújo e a secretaria local Natalia González Benéitez reclamaron ao Goberno galego criterios “claros e transparentes” para repartir os recursos. Vila Araújo pediu tamén actualizar o fondo de cooperación local, conxelado desde hai 15 anos, para garantir a viabilidade dos municipios e a prestación de servizos.

Rodríguez Dacosta cualificou o modelo do PP de “inxusto, opaco e discrecional” e lembrou que Ourense é a provincia galega con maior perda de poboación, un dos índices de envellecemento máis altos de Europa, menor renda per cápita e máis risco de pobreza. “Se hai unha provincia que encaixa no espírito do FCI, esa é a nosa, pero a Xunta dálle as costas unha e outra vez”, sinalou.

Os socialistas denunciaron que, malia dispoñer en 2022 de 102,5 millóns de euros do fondo, a Xunta executou menos da metade, deixando máis de 50 millóns sen usar e sen garantías de que se destinen ás provincias máis necesitadas. “Ourense non pode seguir sendo discriminada nin o rural galego abandonado, e moito menos cando hai fondos dispoñibles que non se executan por incompetencia, falta de vontade ou estratexia partidista”, concluíu Rodríguez Dacosta.

⚙ Configurar cookies
0.15508890151978