Os socialistas esixen a convocatoria urxente da Xunta de Voceiros para tratar a situación da Praza de Abastos de Ourense

OurenseXa
Piden que o alcalde e o seu equipo expliquen canto antes o anuncio sobre a posible decisión de desafiuzar aos praceiros da Alameda
natalia-gonzalez
13 Nov 2025

O Grupo Municipal Socialista solicitou a convocatoria inmediata da Xunta de Voceiros do Concello de Ourense para abordar a situación actual e o futuro da Praza de Abastos, tras o anuncio realizado polo alcalde Gonzalo Pérez Jácome sobre a “posible decisión” de desafiuzar aos praceiros da Alameda.

A portavoz do PSdeG, Natalia González Benéitez, subliña a importancia de que o alcalde e o seu equipo expliquen canto antes os motivos do comunicado feito público hoxe, dada a gravidade do asunto.

“É gravísimo que non sexan capaces de chegar a un consenso técnico, económico e político entre as administracións autonómica e local coa asociación de comerciantes e se paralicen as actuacións necesarias para lograr que este proxecto estratéxico para Ourense poida abrirse por fin ao público”, sinalou.

A portavoz recordou que desde hai anos veñen reclamando “máxima transparencia con respecto a un asunto que leva demasiado tempo sen solución e que supón un deterioro para o patrimonio da cidade, para o seu comercio local e para a imaxe da terceira cidade de Galicia”.

Finalmente, advertiu sobre “o futuro de case 250 familias e o potencial dinamizador do comercio de proximidade en Ourense”.

⚙ Configurar cookies
0.074743032455444