Os socialistas esixen á Deputación que se poña ao lado dos ganadeiros afectados polos baleados sanitarios
O grupo provincial socialista aperta para que a Deputación se poña a carón dos gandeiros ourensáns e requira da Xunta de Galicia un incremento dos complementos autonómicos ás axudas estatais dirixidos aos afectados polos baleirados sanitarios. “As achegas actuais son insuficientes e non permiten sobrepoñerse con garantías á perda total do seu medio de subsistencia, que é o que se deriva dunha medida tan extrema coma a dos baleirados sanitarios”, xustifica o deputado socialista e veterinario Emilio Luís Díaz. A lei obriga ao sacrificio dos animais que dean positivo en tuberculose, mesmo os que son asintomáticos. “Sen unha indemnización consecuente, esvaécense o traballo e aforros de toda unha vida investida nunha explotación de vacún de carne”, sentenza Díaz quen, xunto co resto de deputados do grupo socialista, presentou a moción nunha granxa de bovino extensivo en Riós.
Entre o que se paga por animal sacrificado, o que sufraga o matadoiro pola carne de bovino e a axuda pública de 5.000 euros por trimestre por lucro cesante, os gandeiros reciben entre 1.000 e 1.200 euros por cabeza de gando, sinalan os socialistas. “Este monto non é suficiente para empezar de novo”, afirma Díaz. As axudas que a Xunta de Galicia contempla non cobren o global de perdas dos gandeiros. “Dunha banda, non alcanzan para a reposición dos animais sacrificados, que se atopan en idade de produción madura, aos prezos de mercado e, doutra, tampouco toman en consideración as cantidades que os gandeiros deixan de percibir polo dano inflixido”, explica a tamén deputada socialista e gandeira, Marina Vaz. En conclusión, as indemnizacións non acadan o custe real que ten a reposición ou reparación dos danos polos prexuízos que ocasiona un baleirado sanitario.
O Programa nacional de erradicación da tuberculose bovina prescribe o sacrificio dun rabaño enteiro de mediar algún caso positivo, aínda que sempre en función da prevalencia na comunidade. No caso de Galicia, onde a prevalencia é de 0, o máis mínimo positivo en tuberculose implica case que automaticamente o baleirado sanitario dunha explotación enteira. Foi o que ocorreu o pasado mes de marzo nunha granxa de vacas da aldea de Palleirós, no concello de Manzaneda, que tivo que sacrificar todas as súas reses tras detectarse uns poucos casos illados de tuberculose bovina. Malia que se solicitou a repetición das probas e que, no caso de confirmarse o bo estado de saúde do resto das vacas, estas non fosen sacrificadas, o gandeiro tivo que levar a cabo un baleirado sanitario. Sen tomar en consideración o impacto do lucro cesante, as perdas para o gandeiro ascenderon a 32.000 euros.
Diagnose do gando en vida
Amais de esixir unhas indemnizacións acaídas co impacto real dos baleirados sanitarios, a moción socialista demanda a posta en marcha de mecanismos de diagnose do gando en vida. Para Díaz, “o obxectivo é que se permita sacrificar unicamente ás vacas contaxiadas de tuberculose bovina, respectando a vida das que non padecen o andazo, minimizando o impacto económico sobre as explotacións”. A proba de intradermorreaccion preséntase coma un método “case que artesanal” e “primitivo”, “que apenas evolucionou durante o último século”. “En virtude da baixa prevalencia en Galicia hai que avanzar cara a diagnose en vida dos animais, evitando así os baleirados sanitarios que ameazan con ser unha sentenza de morte para as granxas, que moitas veces non se recuperan e que, amais, adoitan estar situadas en zonas afectadas polo despoboamento”, conclúe o deputado provincial socialista.