Os socialistas esixen a Jácome que de explicacións sobre as supostas irregularidades na concesionaria da limpeza
O grupo municipal socialista pediu a comparecencia do alcalde e a convocatoria dunha Xunta de Voceiros urxente para falar do papel do goberno local ante a presunta contratación irregular de persoal na empresa concesionaria do servizo de limpeza e a situación actual das xestións realizadas ata a data para a nova licitación do mesmo. “Leva baixo o seu mandato case 4 anos en precario, prorrogouse e a veciñanza indicou en numerosas ocasións unha diminución na calidade do servizo malia que aumentou o custe económico para as arcas públicas”, indica a portavoz do PSdeG, Natalia González, no Concello de Ourense.
Así as cousas, as e os socialistas lembran que, tanto os sindicatos como os traballadores e traballadoras, advertiron a Gonzalo Pérez Jácome como responsable do servizo da contratación supostamente irrregular que se viña levando a cabo sistemáticamente nos últimos anos na actual empresa concesionaria.
“Que fixo o rexedor, despois de ter coñecemento deste proceder, aparte de sacar peito de que durante o seu mandato se aumentara substancialmente o número de efectivos na plantilla da empresa de limpeza mentres outros gobernos contaban con plantillas inferiores? Por que foron incapaces ata a data de sacar a licitación pública o contrato de servizo e recollida de lixo no Concello de Ourense?”, pregúntase a edil.
Recordan, nesta liña, dende o grupo do PSdeG que o contrato leva case 4 anos en precario cunha prórroga in extremis que anualmente xera reclamacións xudiciais por parte da empresa e que motiva indemnizacións económicas da Administración por non cumplir a súa responsabilidade legal de maneira inmediata.