Os socialistas esixen a Jácome que pague aos bombeiros

As e os socialistas do Concello de Ourense lamentan que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, “non estea a altura institucional que corresponde coa súa responsabilidade” e demostre “un comportamento infantil” anunciando que o executivo que dirixe proporá modificar os cadros de traballo dos bombeiros para “mellorar a eficiencia do servizo”, tal e como se sinala nas súas propias redes sociais e se recolle nunha nota de prensa enviada aos medios de comunicación.
A edil do grupo municipal socialista María Fernández considera que “antes de negociar as condicións laborais destes profesionais” debe pagárselles “o que se lles debe”. “O Concello de Ourense adebeda cantidades por sentenza xudicial firme dende hai anos e actualmente non cobran os seus salarios correctamente de xeito mensual”, destaca
“Existe un problema cos pluses, a nocturnidade, as festividades e as horas extra que realizan. Un problema administrativo que esta sen resolver, a pesares dos informes técnicos que nos consta que existen para poder solucionar esta situación. O ano pasado xa se viron afectados pola caída do Capítulo I e a data de hoxe continúan ser ter aboados todos os retrasos”, afirma a socialista.
Neste senso, dende o grupo do PSdeG no Concello de Ourense reclaman que, antes de negociar cambios nas condicións laborais dos profesionais municipais da extinción de incendios, deben percibir os atrasos que lles corresponden. “Só posteriormente, e se os servizos xurídicos o respaldan e as e os empregados públicos negocian cambios nas quendas de traballo, nós apoiaremos o que se decida dende o servizo público de bombeiros e bombeiras”, remata.