Os socialistas esixen a Jácome que poña en marcha o prometido “marketplace”
Dende o grupo socialista do Concello de Ourense recordan que o goberno de Gonzalo Pérez Jácome prometeu, en reiteradas ocasións (tanto en 2020 como en 2022), poñer en marcha unha plataforma ‘marketplace’ para apoiar a venda por internet do comercio local e que nada se sabe ao respecto. Lamentan, ademais, que o traballo do executivo para promover a este sector dos autónomos estea a ser nulo.
Critican que o proxecto “revolucionario” que o propio rexedor presentou á presidenta da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) hai catro anos e medio, e para o cal afirmaron obter unha subvención de 2 millóns de euros, aínda non se puxera en marcha.
Neste senso, lembran que foron as e os socialistas os que propuxeron, no pleno ordinario de maio de 2017, a creación dunha plataforma de venda a través de internet por parte do Concello de Ourense ante a percepción dos profesionais de que cada vez máis xente do grupo etario entre os 25 e 35 anos realizaban as súas compras on line e que isto podía supoñer “un incremento dun 10 a un 15% nas vendas”.
O Pleno, cos votos a favor dos grupos do Partido Popular e Ourense en Común e sete votos en contra de Democracia Orensana, respaldou a moción que perseguía imitar o éxito doutros proxectos similares levados a cabo en cidades como Málaga, Bilbao ou Madrid e que funcionase como “unha tenda de tendas” virtual na que os usuarios e usuarias puideran atopar unha ampla variedade de produtos locais. Así mesmo, solicitábase que a plataforma non supuxera “custes bancarios nin loxísticos” para os profesionais, máis aló dunha pequena contribución mensual para o mantemento da mesma.
As e os socialistas esixen pois que o equipo de goberno de Jácome se poña a traballar para sacar adiante este proxecto e outras medidas que incentiven o comercio local ourensán. “A idea da creación dunha plataforma deste tipo para a centralización e difusión da actividade dos profesionais do sector na nosa cidade ten como obxectivo que os comerciantes poidan ter acceso a un posicionamento en intenet, cun custe reducido, complementario á venda física e que reforce as súas posibilidades de sustento e axude ao mantemento e aumento de empregos”, resume a portavoz do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González.