Os socialistas esixen a Jácome que saque adiante todas as concesión en precario

O grupo municipal socialista lamenta que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, pretenda que a cidadanía celebre como unha boa nova que o Concello de Ourense teña que chegar a acordos extraxudiciais para que as empresas concesionarias de servizos básicos, como son o subministro da auga e a recollida do lixo, cobren o que se lles adebeda por parte da Administración local. “Cóntao como unha nova extraordinariamente positiva. Pero que poderiamos esperar dun partido político do que hoxe coñecemos que é o menos transparente do noso país”, destaca a edil do PSdeG María Fernández Ojea.
“Parece que agora temos que alegrarnos de que o Concello de Ourense, no canto de pagar unha cantidade inxente por xuros de demora, vaia a pagar algo menos grazas a que as empresas prefiren evitar un xuizo do Contencioso-Administrativo e un longuísimo procedemento que se dilate no tempo”, incide a tamén secretaria de Función Pública e Xustiza da Comisión Executiva Nacional Galega (CENG) dos e das socialistas.
Neste senso, lembra que as empresas non lle están a facer ningún favor ao alcalde nin a Administración que debería dirixir, senón que o único que reclaman é o prezo do que custan os servizos que están a prestar. “Ao goberno municipal o que tería que lle preocupar é que estes servizos se presten da maneira máis eficiente e introducindo melloras, modernizándoos, para que respondan a uns estándares de calidade para a veciñanza da nosa cidade”, subliña a edil recordando que moitas das concesións levan máis dun lustro en precario.
Así mesmo, logo da nota de prensa na que o executivo cualificaba “moi positivamente os dous acordos”, as e os socialistas contrapoñen que o remanente de Tesouraría “podería se gastar en mellorar os servizos públicos ou poñer en funcionamento programas dende a área de Benestar Social”, en lugar de ter que dedicalo a aboar intereses de demora. “O Concello de Ourense, con estes acordos, soluciona pagar polos servizos que se prestan a dúas empresas ata o ano 2023 e estamos en 2025”, salienta sobre a pésima xestión do executivo de Gonzalo Pérez Jácome.
Por último, lembran que ao continuar caducados os contratos o problema persiste e aínda se terán que pagar máis cantidades millonarias a todas ás empresas concesionarias. “Non estamos a pagar nin sequera pola limpeza dos centros escolares públicos ou a luz. Que lle pasaría a un veciño ou veciña da nosa cidade se durante 6 meses non paga a luz ou o auga? Pois o Concello de Ourense leva anos sen pagar por estes servizos. E, ademais, isto provoca que non se estean a prestar nas condicións que os e as contribuíntes merecen”, remata contundente.