Os socialistas esixen a Jácome unha solución aos peches dos aparcadoiros da zona termal do Muíño

OurenseXa
Piden ao alcalde que ofreza alternativas de aparcadoiro na zona termal mentres duren as obras da variante norte
Aparcadoiro-termas-do-muiño-da-veiga-obras-variante-norte-ourense
Aparcadoiro da zona termal do Muíño da Veiga
17 Out 2024

Os socialistas do Concello de Ourense reclaman ao goberno de Gonzalo Pérez Jácome que ofreza alternativas de aparcadoiro na zona termal mentres duren as obras da variante norte que se están a levar a cabo. E sinalan que dende a Unidade de Carreteiras do Estado comunicouse ao Concello de Ourense o corte do acceso e a supresión dos aparcadoiros número 1, 2 e 3 das termas de Muíño da Veiga pola inminente execución das mesmas, a partir do día 9 de outubro, de maneira indefinida.

Na Xunta de Área de Urbanismo desta semana, a voceira do PSdeG, Natalia González, esixiu unha solución alternativa por parte do executivo local, xa que este corte de acceso e eliminación de zonas de estacionamento “pode causar graves prexuízos tanto ás persoas usuarias habituais como ás visitantes”. Pola súa banda, concelleiro de urbanismo, Francisco Lorenzo, respostou que este asunto depende da Policía Local que é a que debe propoñer as solucións á problemática.

Do mesmo xeito, a tamén secretaria xeral do partido na cidade solicitou coñecer se a vontade do alcalde é “proceder ao peche ao público encuberto das termas da Chavasqueira e do Muíño”, sen obter resposta. Por este motivo solicitan as e os socialistas, ademais de alternativas urxentes de aparcamento, explicacións.

A todo elo engaden que tampouco se coñece unha data concreta para a reapertura da piscina termal das Burgas. “As obras foron recepcionadas, agora levarán a cabo máis obras adicionais de posta a punto e aínda teñen que contratar o servizo de vixiancia e control, polo que é posible que non abra ao público neste 2024”, argumenta sobre unhas instalacións que se prometían inauguradas para hai meses atrás.

“Entendemos que, ante a súa desidia e ausencia de interese, o que pretende Jácome é minorar máis aínda a dispoñibilidade das pozas públicas na marxe do Miño, sendo incapaz de concretar unha data para a reapertura da piscina das Burgas despois de máis de 4 anos pechada”, remata aclarando a socialista.

0.090408086776733