Os socialistas esixen a Rueda que aclare como vai ser a asistencia sanitaria gratuíta aos emigrantes retornados de Suíza

OurenseXa
O secretario provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense, Luís Gulín, lembra que “na recente campaña electoral, o presidente da Xunta garantira a gratuidade da asistencia sanitaria para este colectivo, que só percibe pensións suízas”
migracions_psoe_ourens
A área de migracións da Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense nun encontro co colectivo de migrantes retornados en Lobios
22 Apr 2024

A área de migracións da Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense esíxelle ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda que aclare “dunha vez por todas” como vai ser a asistencia sanitaria gratuíta para o colectivo de emigrantes retornados de Suíza. O secretario provincial de migracións, Luís Gulín, mantivo un encontro co colectivo de retornados esta fin de semana en Lobios, no que se puxo sobre a mesa esta situación, así como outras relacionadas co imposto do 5%.

A reunión achegáronse ao redor de 40 persoas que traballaron en Alemaña, Suíza e Francia. Durante a sesión informativa, Luís Gulín explicou os detalles a ter en conta na declaración da renda para presentar este ano. “Aclaramos dúbidas con respecto ao tema do segundo pagador, os límites exentos para declarar ou os gastos deducibles das pensións estranxeiras, en especial as achegas aos seguros médicos de Francia e Alemaña”, explica o responsable da área de migracións do PSOE ourensán.

No caso dos retornados de Suíza, ao non ter pensión española, acóllense ao convenio entre Suíza e España e cotizan obrigatoriamente sobre 90 euros mensuais á Seguridade Social española. Esta cuestión creou debate entre algúns dos presentes, xa que tal e como lembra Gulín “na recente campaña electoral, o presidente da Xunta garantira a gratuidade da asistencia sanitaria para este colectivo, que só percibe pensións suízas”.

O responsable da área de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense amósase “moi escéptico” ante a posibilidade de implantar esta medida sí en Galicia, “xa que discrimina a persoas que non teñen a nacionalidade española ou vinculación coa nosa comunidade”. Tal e como apunta Gulín “a posible opción de que a Xunta de Galicia asuma as cotizacións á Seguridade Social prexudica aos emigrantes retornados ao privalos da única posibilidade que teñen en reducir a súa cota tributaria por vía de gastos deducibles con 1000 euros anuais”.

O colectivo de retornados de Alemaña tamén demanda mellor información e asesoramento por parte das oficinas de atención ao emigrante co pago do chamado imposto alemán do 5 por cento sobre as pensións e os trámites para solicitar a prestación da dependencia alemá. “Algunhas persoas queixáronse de que algúns familiares sufriran un embargo das súas pensións alemás ao non atender os requirimentos da Facenda alemá”, afirma Gulín, que tamén apunta que “ao estar redactados os documentos só en alemán, os afectados atópanse indefensos, manifestando que o concello de Lobios e os servizos sociais non atoparon solución algunha”. Luís Gulín fíxose cargo dos casos expostos e mediará estes días ante a Axencia Tributaria xermana.

No acto participaron concelleiros e militantes de Lobios e Muíños. O próximo acto será o sábado 27 de abril ás 11.30 na Merca.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15509915351868