Os socialistas esixen responsabilidades á Deputación polos “retrasos e mala xestión” da Xunta coas obras do CHUO

O Grupo Provincial Socialista interpela directamente á Deputación Ourense en relación co estado de obras no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) tralo incidente ocorrido no Materno Infantil, onde esta fin de semana se produciu o desprendemento dun teito. “Trátase dunha situación preocupante que reflicte non só problemas estruturais nas instalacións e no avance das obras, senón tamén unha evidente falta de planificación e compromiso por parte da Xunta de Galicia”, afirmou Álvaro Vila, voceiro socialista na Deputación.
Vila subliñou que as obras do CHUO, iniciadas en 2020 co obxectivo de modernizar as instalacións e adaptalas ás necesidades actuais, “levan anos sendo motivo de queixas por parte dos traballadores, sindicatos e usuarios”. O voceiro socialista denunciou os retrasos acumulados e destacou a “execución deficiente e impacto negativo que os traballos están a ter sobre as propias condicións de seguridade do inmoble”. Para Vila, “despois dun incidente tan grave como o desprendemento dun teito nunha área tan sensible, é inaceptable que non se ofrezan respostas claras”.
Por todos estes motivos, o Grupo Provincial Socialista rexistrou unha serie de preguntas para dirimir se “a Deputación de Ourense está en condicións de garantir que as obras non están paralizadas desde hai semanas” e “que medidas se están tomar para protexer a seguridade de pacientes, persoal sanitario e visitantes”. Vila considera que a corporación provincial debe interpelar “con urxencia” á Xunta de Galicia para que “asuma a súa responsabilidade”. “Non podemos permitir que a saúde dos ourensáns se tome á lixeira e non sexa unha absoluta prioridade”, sentenciou.
Desleixo da Xunta coa provincia
O socialista evocou retrasos noutros importantes proxectos para a provincia prometidos polo goberno de Alfonso Rueda. Entre estes, a ampliación do centro de saúde de Verín, “cuxas obras aínda non comezaron malia ser anunciadas hai máis de dous anos”; ou a renovación dos equipos médicos do hospital comarcal do Barco de Valdeorras, “unha necesidade urxente que segue estancada”, lembrou Vila. Segundo este, “non se trata de casos illados, senón que semellan un patrón que xera serias dúbidas sobre a capacidade e vontade do goberno galego para cumprir os seus compromisos con Ourense”, indicou Vila.
Para rematar, Álvaro Vila lanzou unha chamada á acción tanto á Deputación como á Xunta de Galicia porque “as ourensás e os ourensáns merecemos respostas claras e accións concretas por parte da Xunta de Galicia”. “Non podemos seguir agardando mentres a saúde pública non cesa deteriorarse. Non é sen tempo que o goberno galego, como máxima administración competente do servizo na nosa comunidade, deixe de lado a súa lasitude e asuma as súas responsabilidades para comprometerse coa seguridade e futuro do noso sistema sanitario”, concluíu o socialista.