Os socialistas esixirán ao Concello de Ourense que paralice as restriccións horarias dos parques

OurenseXa
Á inexistencia dunha ordenanza ao respecto e á falta de información sobre a medida horaria hai que engadir, segundo lembran as e os socialistas, que existe actualmente un déficit de efectivos do corpo da Policía Local
parque-infantil-parque-de-san-lazaro-ourense
Parque de San Lázaro, Ourense
5 Nov 2024

O PSdeG do Concello de Ourense levará ao vindeiro pleno ordinario do mes de novembro unha iniciativa para solicitar ao alcalde que paralice a súa orde de restrición horaria nos parques públicos e pistas polideportivas “ante a ausencia de validez legal e a imposibilidade de levar a cabo o seu cumprimento”.

“Dende o grupo do PSdeG requirimos información sobre esta nova orde de restrición horaria, tanto nas Xuntas de Área de Medio Ambiente como no pleno ordinario en rogos e preguntas vía solicitude por rexistro. A resposta foi o silencio, afirmando o propio rexedor a inexistencia de informes que avalen a decisión nin se está debidamente planificada e sendo coñecedores de que non existe ningún decreto ou modificación de ordenanza municipal a tal efecto”, aclara a portavoz dos e das socialistas, Natalia González. E lembra que, ademais, existe actualmente un déficit de efectivos do corpo da Policía Local
 
“Nos primeiros días do mes de outubro, cando supostamente entrara en vigor a orde, a policía procedeu ao desaloxo de familias e nenos de espazos públicos coma o Parque San Lázaro, o Parque de San Rosendo e outros da cidade, sen que constaran denuncias, sen que estiveran neses recintos colocados ningún tipo de carteis informativos, cun evidente malestar por parte da cidadanía e con efectivos e sindicatos do corpo da Policía Local esixindo coñecer as ordes concretas, directrices e consecuencias a causa da limitación horaria dos parques e ocupación dos recintos fóra do horario establecido e imposto polo alcalde”, enumera a tamén secretaria xeral do partido en Ourense.

Neste senso, inciden as e os edís do PSdeG en que se trata dunha medida “arbitraria” e “caprichosa” que debería ser consensuada, co resto de grupos políticos e coa veciñanza, ir aparellada de outras alternativas e ter información clara e concisa de onde ou quen vai ter a responsabilidade para o seu cumprimento de ser preciso.

Por todo o descrito, ademais da moción presentada para a que agardan obter o respaldo do resto da oposición, as e os socialistas trasladaron a problemática á Valedora do Pobo cunha queixa formal solicitando a súa intervención urxente e que se poidan adoptar, de ser o caso, as medidas oportunas para corrixir ou regularizar esta situación á maior brevidade posible.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16112804412842