Os socialistas instan a Jácome a reabrir os espazos termais de Ourense de cara Semana Santa

OurenseXa
Denuncian que o 80% das instalacións termais permanencen inoperativas e critican a falta de programación turística de cara a “unha das tempadas que máis visitantes atrae a Ourense”
termas-ourense
26 Mar 2025

As e os socialistas do Concello de Ourense reclaman ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que deixe de “xogar ao tetris” coas concellerías e competencias dos seus edís e se poña a traballar pola cidade logo do último anuncio realizado sobre o traslado da Oficina de Turismo a dependencias situadas na praza de San Martiño, xunto á catedral,nos baixos do edificio número 2.

Entenden dende o grupo do PSdeG que a explicación aportada polo executivo de DO, argumentando que as actuais instalacións presentan “deficiencias que deben ser emendadas e fan necesario realizar un custoso investimento para paliar problemas entre os que destacan os derivados da presenza de gas radon”, non é máis que unha excusa para continuar coa súa teima de conceder licenzas para xestións hostaleiras.

Neste senso, as e os socialistas lamentan “que o rexedor da terceira cidade de Galicia estea máis centrado en que se abran novos bares que en defender o turismo e a cultura ás portas de que comece a Semana Santa”. “Despois de instalar un bar no Museo Municipal, unha cafetería na Sala Valente e a idea peregrina de trasladar, hai dous anos, a oficina de turismo á Casa Consistorial, que non chegou a materializarse, agora é o turno que querer abrir outra instalación hostaleira ante unha política turística inexistente”, lamentan.

Neste senso, critican que dende o goberno de Jácome só se realicen anuncios que, para os socialistas, “pretenden ser cortinas de fume á súa pésima xestión en todos os eidos e, especialmente, no turismo que verá, previsiblemente, como comeza co 80% das instalacións termais inoperantes unha das tempadas que máis visitantes atrae a Ourense”.

“Nos últimos anos cargouse primeiro a Oficina de Atención ao Cidadán, logo anunciou o traslado da Oficina de Turismo á Casa do Concello e agora anuncia que move esta última para a praza San Martiño. A pregunta é por que non prioriza recuperar o funcionamento da Concelleria de Turismo que fixo desaparecer durante os seus mandatos por completo?”, remata a voceira dos e das socialistas, Natalia González.

⚙ Configurar cookies
0.10369491577148