Os socialistas logran o compromiso da Deputación de Ourense para dotar de máis recursos ao Plan CooperOU

OurenseXa
Ademais de subir a partida do CooperOU, o PSdeG-PSOE obtivo o compromiso do PP para dotar con 500.000 euros o Plan de vivenda, 250.000 euros para conservatorios e estudar a disolución do Inorde
Pleno Deputación-ourense abril
Pleno da Deputación de Ourense
29 Nov 2024

No Pleno de debate dos orzamentos da Deputación de Ourense para 2025, o Grupo Provincial Socialista acadou o compromiso do grupo de goberno para dotar con tres millóns de euros suplementarios o Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais (CooperOU) na modificación de crédito a realizar no próximo mes de febreiro.

“Malia as carencias e eivas que identificamos na proposta orzamentaria, os socialistas imos ser coherentes e manter a dinámica construtiva iniciada neste mandato para chegar a acordos con vistas a mellorar as condicións dos concellos e da veciñanza”, subliñou o voceiro do PSdeG-PSOE na corporación provincial, Álvaro Vila. Logo de constatar a obriga adquirida polo Grupo Popular, xustificaba así Vila a abstención do seu grupo aos orzamentos, que foron aprobados.

Amais dos recursos suplementarios a repartir entre os municipios da provincia segundo criterios obxectivos, durante o debate os socialistas tamén lograron o compromiso do PP para dotar con 500.000 euros o Plan de compra e rehabilitación de vivendas para aluguer ou uso social e 250.000 euros a repartir entre os cinco concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes que contan cun conservatorio profesional de música (O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ribadavia, Xinzo de Limia e Verín).

Doutra banda, nas conclusións do debate orzamentario, o presidente da Deputación, Luís Menor, aceptou poñer en marcha un estudo para a integración do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) no seo da Deputación de Ourense. “Cumprindo así cos puntos de acordo da moción socialista que recibiu o voto favorable da maioría das deputadas e deputados desta corporación no pleno de outubro de 2024”, destacou Vila.

Facer da Deputación un vector de progreso provincial

Na súa exposición de motivos o voceiro socialista foi moi crítico, afirmando que os orzamentos “fan caso omiso da auténtica situación da provincia, caracterizada polo despoboamento, perdendo a provincia uns 40.000 veciños desde o ano 2.000; a falta de servizos e oportunidades, as debilidades estruturais da nosa economía, que depende aínda de sectores tradicionais, así como a falta de innovación e adecuación do tecido produtivo, que carece de investimentos”.

Para os socialistas, os Orzamentos 2025 persisten en “instrumentos e políticas públicas erráticas”, presentando ao Inorde coma “claro expoñente de ineficacia e irracionalidade administrativa e falta de transparencia”. “Non se xustifica a súa utilidade nin gasto e, sen logros susceptibles de razoar a súa mera existencia, a Deputación debe asumir directamente as supostas funcións do Inorde”, explicou Vila.

Segundo este, “á luz destes orzamentos, a Deputación de Ourense non contempla ser motor de cambio, resignándose ao lento esmorecer da provincia, cunha patente a falta de ambición para reverter a tendencia de forma urxente”.

Para Vila, “a corporación provincial ten que asumir un rol protagonista no desenvolvemento de Ourense, cun proxecto claro e ambición de avanzar, que non é o caso á luz dos orzamentos”.

 

0.17925214767456