Os socialistas ourensáns anuncian cambios na executiva provincial

OurenseXa
Os socialistas optan por novas incorporacións e algúns cambios co obxectivo de “impulsar” o proxecto do PSdeG-PSOE na provincia de Ourense
comite_executivo_psoe_ourense
Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense
2 Abr 2024

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar unha reunión ordinaria da Comisión Executiva Provincial na que se deu conta de varios cambios na estrutura da mesma, ademais de convocar un Comité Provincial para o vindeiro sábado 13 de abril. Os e as socialistas optan por novas incorporacións e algúns cambios co obxectivo de “impulsar” o proxecto do PSdeG-PSOE na provincia de Ourense.

A comisión executiva provincial aprobou por unanimidade a incorporación de “caras moi coñecidas e referentes do socialismo ourensán para traballar arreo no novo ciclo político que se abre nestes momentos”. Dende o PSOE ourensán apuntan que con estas novas incorporacións “refórzanse áreas claves do partido”.

Deste xeito incorpóranse a Comisión Executiva Provincial, o profesor universitario e ex concelleiro do PSOE no concello de Ourense, José Rúas Araújo, que asumirá a secretaría de comunicación. Tamén se suma o ex concelleiro socialista no concello de Ourense, Javier Rey Rey, que asumirá a secretaría adxunta de organización. Asemade, outra das novas incorporacións será a actual alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo De Dios, quen asume a secretaría de cultura e normalización lingüística.

O PSdeG-PSOE de Ourense tamén reestrutura outras áreas de traballo entre membros actuais da Executiva. Deste xeito, Beatriz Domínguez Blanco asume a secretaría de igualdade, Eva Maldonado González a secretaría de medios e Celso Basalo Gómez a secretaría de función pública e acción sindical. A Executiva Provincial dos e das socialistas ourensáns tamén modificou a estrutura de varias secretarías nos seguintes termos: “a secretaría de política forestal pasará a denominarse secretaría de medio rural; a secretaría de medios dixitais renomearase como secretaría de medios e a secretaría de administración e función pública pasará a ser a secretaría de función pública e acción sindical”.

Estes cambios deben ser ratificados no Comité Provincial do vindeiro 13 de abril, convocado con este fin.

0.16021585464478