Os socialistas ourensáns conmemoran o Día de Europa
Dende a Agrupación Municipal de Ourense queren sumarse á celebración do Día de Europa que o PSdeG levará a cabo este ano e que cada 9 de maio se conmemora en diferentes territorios da Unión. A data foi escollida por ser o aniversario da Declaración de Schuman na que se recollía que unha nova forma de cooperación política era posible. Unha nova forma que convertise en inconcebibles as guerras entre nacións. A proposta do nomeado político está considerada como o xérmolo da actual Unión Europea.
Por todo elo, este xoves terá lugar un acto, ás 19.00 horas na praza Saco e Arce, no que intervirán o secretario provincial do partido, Rafael Rodríguez Villarino; a secretaria xeral en Ourense, Natalia González Benéitez, o eurodeputado na pasada lexislatura e candidato para o próximo proceso electoral, Nicolás González Casares; e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.
Comisión Executiva Municipal
Por outra banda, os socialistas informan de que este martes tivo lugar a reunión da Comisión Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense na que se constituiu o comité de campaña na cidade para comezar a traballar de cara ás vindeiras eleccións europeas, cuxos comicios serán en España o domingo 9 de xuño.
Tamén se presentou a programación da agrupación municipal que se está a organizar para conmemorar o 17 de maio, o Día das Letras Galegas, e coa que se abordará a figura da escritora Luisa Villalta e se renderá homenaxe a súa polifacética traxectoria. O eixo central será un acto para falar da vida e obra da autora na Biblioteca Nós, o luns 20 maio, ás 19:00 horas.