Os socialistas ourensáns critican a xestión da Escola Municipal Continua
Dende o grupo municipal socialista critican a xestión do que ata o de agora se coñece sobre a Escola Municipal Continua posta en marcha polo executivo de Gonzalo Pérez Jácome. “Esta nova escola, como xa dixemos en reiteradas ocasións, presenta unha formación feble que non responde ás necesidades dos ourensáns e ourensás e, por suposto, non serviu para borrar o espírito e a excelencia da Universidade Popular”, defende a edil do PSdeG Cristina Cruz.
Neste senso, sinala que dende a Concellería de Dinamización, a carteira que se encarga da organización dos mesmos, aportaron na Xunta de Área un listado cos obradoiros impartidos. “Nel explicítase que de 21 cursos previstos, lembremos os 140 da derradeira convocatoria da UPO, 4 xa se anularon”, explica a socialista. Informática administrativa, pragas e enfermidades de plantas, mental gym e barre fit (na quenda das mañás) son os obradoiros cancelados.
“Tamén houbo algúns, como o de Chair Dance, que tiñan que comezar en marzo con 25 prazas cubertas pero só asistiron 6, cursos que empezaron con retraso, convocatoria feita sen rigor, alumnado descontento…”, enumera a edil do PSdeG sobre a desorganización.
E conclúe: “Este caos educativo e a innovación prometida polo goberno Democracia Orensana. Non nos podemos resignar a que unha cidade como a nosa non teña unha alternativa educativa de calidade”.