Os socialistas ourensáns esixen a reapertura do centro sociocomunitaro de Pelamios durante as fins de semana
Os socialistas de Ourense instarán ao executivo da Xunta de Galicia a que o centro sociocomunitario Pontepelamios recupere a actividade durante as fins de semana e días festivos e que se abran aos e ás usuarias tamén a cafetería coa que conta o edificio. “As únicas dúas instalacións deste tipo coas que contamos por parte do goberno autonómico están na rúa Concejo, no centro, e na praza do Gaiteiro, no barrio das Camelias, e constitúen un punto de encontro fundamental para moitos veciños e veciñas da idade”, comeza argumentando a portavoz do PSdeG no Concello, Natalia González Benéitez.
“Non pode ser un espazo no que simplemente se reúnan as persoas maiores, senón que é necesario promover a actividade física e mental. Debe ser un espazo no que tamén se poida velar pola saúde e boas condicións dos e das ourensás”, expón a socialista sobre algúns dos propósitos que deben guiar a programación do lugar.
“En relación co centro Pontepelamios a oferta coa que conta se foi reducindo de maneira paulatina chegando agora á situación de pechar as fins de semana e festivos. Sendo o único local do que dispoñen os destinatarios deste barrio para socializar, compartir experiencias e mellorar as condicións de vida e autonomía, reclamamos que non só se amplíe o horario de apertura actual, senón que tamén se incremente o plan anual de actividades para o mesmo”, engadiu a deputada no Parlamento Carmen Rodríguez Dacosta.
Para o PSdeG o peche do edificio en días clave para ás e os usuarios constitúe unha decisión totalmente desacertada que ten que ser reconsiderada pola Xunta de Galicia retomando a apertura nas fins de semana e xornadas festivas, “incrementando o persoal”, se fose preciso, “e a actividade para cumprir os obxectivos para os que foron creados estes centros”.
Por todo o exposto, o grupo parlamentario socialista rexistrou unha iniciativa esta mesma semana para trasladar a problemática á Cámara galega e que o goberno autonómico se comprometa a súa reapertura das instalacións e o servizo de cafetería nas datas indicadas, a ampliación da programación e ao aumento de persoal, de ser preciso.