Os socialistas esixen á Xunta que garanta a xestión pública do novo CAPD de Ourense
A portavoz do grupo municipal socialista no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez, e a deputada no Parlamento Carmen Rodríguez Dacosta lamentan que, logo de máis de 8 anos as familias de persoas con diversidade teñan que seguir loitando para que a Xunta de Galicia asegure que o novo Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) sexa de titularidade e xestión pública. “Non é nin máis nin menos que o que teñen o resto de provincias galegas”, defende a primeira.
Neste senso, lembran que as familias levan demasiado tempo agardando a que rematen as obras, que se dea resposta ás súas inquedanzas e pedindo que se converta nun centro público de calidade terapéutico e ocupacional co que non se teñan que desprazar a outras provincias. “Nestes momentos, e despois de moitos atrancos, estase rematando a súa construción no barrio de Barrocás, sen que ata o momento a Xunta garanta aos pais e nais que a súa xestión será pública e directa”, engade a tamén secretaria xeral do PSdeG en Ourense.
Precisamente niso insistirá a deputada no Parlamento: “Dende o grupo socialista consideramos urxente que o executivo autonómico, a través da Consellería de Política Social, aporte as explicacións que merecen as familias e afectados directos que levan tantos anos loitando polos seus fillos e fillas”.
Presentarán, así as cousas, unha batería de iniciativas na Cámara galega “para que o goberno de Alfonso Rueda se comprometa, sen máis dilacións no tempo, para que a xestión das instalacións sexa pública e directa”, remata.