Os socialistas ourensáns esixirán na Deputación un plan estratéxico provincial para reforzar o SAF

O Grupo Provincial do PSdeG de Ourense presentou este luns en Pereiro de Aguiar unha moción para esixir a elaboración dun plan estratéxico provincial de servizos sociais, reforce o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e inste á Xunta a cumprir coas súas obrigas legais na materia.
O texto, que será debatido no vindeiro pleno, destaca o papel fundamental dos SAF no sistema de atención á dependencia en Galicia. Porén, denuncian os socialistas, nos últimos anos “transformouse nunha carga económica insostible para os municipios galegos, nomeadamente para os máis pequenos, que son a maioría na provincia de Ourense”. Dende o PSdeG lembran que segundo a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), os concellos ourensáns asumen case o 30% do custo do SAF con recursos propios, mentres a Xunta de Galicia só cobre pouco máis dun cuarto, malia ter a competencia exclusiva en servizos sociais.
“Fronte a desidia e o desleixo do goberno galego do Partido Popular, os concellos están asumindo custes que non lles corresponden. Cargas económicas impropias que afogan aos concellos para prestar un servizo clave, nunha das provincias máis envellecidas do estado”, denunciou o secretario provincial do PSdeG-PSOE, Alvaro Vila, que destaca que "transcorridos 16 anos desde a aprobación da Lei de Servizos Sociais de Galicia, a comunidade segue sen contar sequera co seu primeiro plan estratéxico, mentres que outras rexións contan con plans vixentes e actualizados", destacou.
Por iso, o Vila pide que “fronte á inacción da Xunta de Galicia, outras deputacións provinciais están a asumir un rol activo na planificación e financiamento dos servizos sociais comunitarios”. Neste senso, destaca o exemplo da Deputación da Coruña, que elaborou o seu propio Plan de Acción de Servizos Sociais, destinando en 2025 8,7 millóns de euros para financiar máis de 372.000 horas de SAF e contratar 180 profesionais, ou da Deputación de Lugo, que acordou neste pasado exercicio 3,3 millóns de euros ao SAF para municipios.
“É imprescindible que a Deputación de Ourense asuma un papel máis activo e ambicioso na planificación e financiamento dos servizos sociais. Cremos que as boas prácticas doutros entes provinciais no SAF poden servir tamén para a nosa provincia e rematar deste xeito cunha carga cada vez máis insoportable en termos económicos para os concellos da provincia de Ourense”, afirmou o voceiro do Grupo Provincial Socialista. “O SAF é esencial e os nosos maiores ben merecen un servizo digno e de calidade”, concluíu Vila.