Os socialistas ourensáns levarán ao pleno de xuño unha moción para evitar o peche do CIMM

OurenseXa
Os grupo municipal socialista pedirá, ademais, que mentres se levan a cabo as actuacións para a eliminación do gas radón as traballadoras dispoñan dunhas instalacións que garantan a continuidade dos programas e a confidencialidade das usuarias
CIM-Ourense
CIMM Ourense
27 Maio 2024

En consonancia coa desconformidade amosada nas pasadas semanas sobre a decisión do executivo de Gonzalo Pérez Jácome de pechar o Centro de Información Municipal á Muller (CIMM), por non querer destinar orzamento para que se realicen as obras de eliminación de gas radón necesarias, o grupo municipal socialista levará ao pleno ordinario do mes de xuño unha moción para que o goberno local renuncie as súas intencións.

As e os edís do PSdeG entenden que só é cuestión de vontade política e que o alcalde e o seu equipo deberían apostar por manter aberto “un centro de referencia no relativo á atención á muller, a educación a prol da igualdade e na loita contra a violencia de xénero, tanto na nosa cidade coma na nosa Comunidade Autónoma”, tal e como se recolle no texto xa rexistrado para o seu debate.

Lembran as e os socialistas que hai 13 anos que se inauguraron as instalacións, grazas á xestión e sensibilidade do goberno bipartito de PSOE e BNG, e que pola boa distribución dos espazos e o seu emprazamento debería continuar sendo a sede dun lugar que ofrece múltiples servizos como o programa asistencial que presta atención integral (xurídica, psicolóxica e socioeducativa) ás mulleres, na súa maioría vítimas de violencia de xénero. “O traballo que se realiza para ofertar este acompañamento de xeito sensible e respectuoso merece unhas dependencias que garantan a confidencialidade e privacidade das usuarias”, sinala a portavoz do grupo no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez.

É por isto precisamente que a iniciativa presentada esixe que mentres se leven a cabo as obras de acondicionamento –estimadas en 200.000 euros– as empregadas do CIMM dispoñan dun lugar adecuado para desenvolver o seu labor, no canto de ter que conformarse cun andar do edificio municipal, que se emprega para outras tarefas administrativas, na praza San Martiño. “O CIMM de Ourense é unha infraestrutura de referencia, a mellor de todas as existentes con esta finalidade en Galicia, na cal se investiron máis de 600.000 € na reforma integral do edificio, na dotación de mobiliario ou fondos bibliográficos e na habilitación dos distintos espazos do mesmo, co consenso e respaldo de todos os grupos políticos da corporación”, recorda a tamén secretaria xeral do PSdeG en Ourense.

 

“É lamentable que tampouco se teña pensado nas traballadoras que terán que ser trasladadas a outro emprazamento totalmente inadecuado para a atención ás persoas usuarias e, ademais, colateralmente fulmínanse, sen alternativa ningunha prevista, outros programas de atención, formación ou conciliación vencellados ao centro”, remata advertindo sobre a relación de actividades que alí se desenvolvían e que aparecen descritos na moción.

 

0.19966793060303