Os socialistas ourensáns organizan un acto para homenexar a Luisa Villalta

OurenseXa
O PSdeG-PSOE de Ourense organiza un acto con motivo do Día das Letras Galegas o vindeiro luns, 20 de maio, para render homenaxe á figura de Luisa Villata
Biblioteca Pública Nós, Ourense
15 May 2024

A Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense organiza un acto, o vindeiro luns 20 de maio, para render homenaxe á escritora Luísa Villalta (1957-2004) a cuxa figura se dedica o Día das Letras Galegas. A cita terá lugar na Biblioteca Nós e nel participarán Natalia González, secretaria xeral do partido na cidade,  Cristina Cruz, secretaria de Educación da CEM, Margarida Pizcueta, secretaria da Lingua da CENG, e Xoán Carlos Domínguez, escritor e poeta.

Realizarase un breve percorrido pola polifacética traxectoria da poeta, narradora, ensaísta, músico e articulista coruñesa –a cidade onde naceu e viviu, e espazo literario constante na súa obra– que centrou os seus esforzos na escoita activa para comprender e traducir o mundo. “A literatura sempre é unha actitude política porque sempre é comunicación. E como sempre é comunicación, quere, desexa conmover, e todo o que conmove transforma”, expresou ela mesma nunha entrevista da que se fai eco a RAG.

Villalta formouse como violinista clásica, antes de se dedicar por completo ao ensino de Lingua Galega e Literatura na Secundaria, foi integrante da Orquestra de Santiago e da Xove Orquestra de Galicia, así como do grupo folk Escaino. Mais deixou unha fonda pegada nos seus traballos escritos, algún mesmo publicado logo da súa morte, como é o caso do libro de poemas e fotografías que elaborou xunto a Maribel Longueira e que retratou a prostitución, e a vida das mulleres que a exercían, no barrio coruñés de Papagaio.

O acto comezará ás 19.00 horas e contará cunha actuación musical do grupo tradicional Ergutío ao remate, na praza da II República, sobre as 20.00 horas. Será unha conmemoración para as e os socialistas mais tamén estará aberta á cidadanía ata completar aforo.

0.16626715660095