Os socialistas ourensáns piden á creación dunha comisión para elaborar un plan de inversións no Concello
O grupo municipal socialista presentou hoxe a iniciativa que levarán este venres ao pleno ordinario do mes de maio para instar, ao goberno local, á creación dunha comisión do Pleno que elabore un plan de inversións que se poida executar unha vez coñecida a liquidación orzamentaria do ano 2023 do Concello de Ourense.
O edil do PSdeG, José Ángel Vázquez Barquero, subliñou que “é público e notorio que as actuacións do goberno, presidido polo alcalde Gonzalo Pérez Jácome, teñen como sinais de identidade a improvisación, a falla de transparencia e a incapacidade para chegar a acordos cos diferentes grupos” e que o que se persegue con esta moción é a implicación de todos os e as representantes da cidadanía no desenvolvemento da urbe.
Neste senso, as e os socialistas lembran no propio texto da iniciativa rexistrado que dita improvisación e ausencia de planificación tamén desemboca nunha “parálise e caos que provoca na actividade administrativa e na xestión cotiá do Concello, e que supón unha notable limitación na capacidade de resposta ás necesidades e demandas dos ourensáns e ourensás”.
“O feito de que non haxa un planeamento urbanístico actualizado, despois dos esforzos realizados por corporacións anteriores, que moitas concesións leven anos en precario e que os orzamentos vixentes sexan unha enésima prorroga dos aprobados no mandato anterior, está a impedir o normal desenvolvemento da dinámica do Concello e, por extensión, da propia cidade”, afirmou taxante o edil do PSdeG.
Por todo o exposto, as e os socialistas sinalan que fan “a mesma proposta que, en agosto de 2016, lle formulamos ao por aquel entón alcalde, Jesús Vázquez Abad, cando pretendía aprobar unha millonaria batería de modificacións de crédito e financiar actuacións escollidas de forma unilateral”.
“É necesario planificar e consensuar as iniciativas a desenvolver si efectivamente se pretende que sexan aprobadas polo Pleno”, rematou Vázquez Barquero puntualizando que resulta imprescindible para elo escoitar tamén as demandas dos veciños e veciñas.