Os socialistas ourensáns piden ao goberno de Jácome unha solución ante o “caos económico do Concello de Ourense”

Ata 14 entidades da cidade que cumprían cos requisitos para acceder a subvencións para asociacións e entidades sen ánimo de lucro en materia de asuntos sociais quedaron sen as mesmas en primeira instancia “por falta de crédito orzamentario” segundo reflicte o anuncio do Concello de Ourense publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP). “Volve a acontecer o mesmo que en 2022 e 2023 e que, se nada muda, acontecerá o vindeiro ano pola falta total de previsión do goberno de Gonzalo Pérez Jácome ao non modificar as bases para acceder a estes cartos públicos nin presentar uns orzamentos actualizados que dea prioridade as necesidades da cidadanía”, explica a voceira do PSdeG na Administración local, Natalia González Benéitez.
A Asociación Española Contra o Cancro (AECC); Red Madre; Asociación de persoas con Discapacidade de Ourense (ADO); Asociación de fibromialxia, síndrome de fatiga crónica e sensibilidade química de Ourense (AFFOU); VALORESC innovation; Fundación Amigos de Galicia; Apúntaste; Asociación Diabética Áuria; Alcer; Discafis Cogami; Adido; Igaxes; APES e Amencer son as entidades que quedaron excluídas das subvencións.
Así as cousas, a tamén secretaria xeral dos e das socialistas na cidade, lembra que se trata de organizacións chave para o funcionamento da sociedade ourensá que “nunca cobran en tempo en forma” polo importante labor que desenvolven e que terán que presentar as súas programacións para o ano que vén sen contar co presuposto que precisaban”, lembra a edil que esta mañá trasladou en Xunta de Área que urxe modificar as bases para que non se repita a situación nos vindeiros anos.
“Pedimos que, ao igual que finalmente se cambiarán as bases de libros e comedor escolar 2025/2026, algo que demandamos reiterada e sistemáticamente as e os socialistas, que se faga unha modificación das bases da convocatoria de subvencións a entidades do terceiro sector e que se incremente a contía económica nos futuros presupostos”, esixe a portavoz do PSdeG. E incide en que a última modificación orzamentaria de 90.000 euros para a que o executivo local recibiu o apoio da oposición non será suficiente para cubrir as necesidades de todas as asociacións e que 2 dos proxectos presentados quedarán sen respaldo económico.
Neste senso, insisten dende o grupo socialista en que urxe unha planificación económica que saque do caos ao Concello de Ourense e que afoga non só ás entidades do terceiro sector, senón tamén ás familias. “Hoxe confirmamos que non haberá servizo de conciliación este Nadal na rede de Centros Cívicos Municipais e que a intención do goberno de Gonzalo Pérez Jácome semella apuntar a querer suprimilo a partir de 2025”, lamenta a voceira do PSdeG.
Ademais, nas Xuntas de Área que tiveron lugar esta mañá tamén puideron confirmar que o convenio con Progape terá unha duración de dous anos, que aumentará en 50.000 euros pola subida dos prezos de mercado, pero no que non se contempla ningún tipo de mellora significativa e concreta para o funcionamento da protectora.
“O goberno local comprometeuse, trala solicitude do resto dos grupos políticos e nomeadamente do PSdeG, á reactivación do rueiro feminino, a través de incoación de expedientes de honra individuais a cada unha das mulleres no ano 2025. Mais solicitamos que a orde vaia en función do número de apoios adquiridos por cada unha delas, sendo a primeira Olga Gallego, tal e como reclamamos dende o grupo municipal socialista cunha moción para que así se concretase este mesmo ano”, sopesa González.