Os socialistas ourensáns piden ao PP e D.O. que "deixen de eludir as súas responsabilidades nas políticas sociais"

OurenseXa
A deputada no Parlamento, Carmen Rodríguez Dacosta, sinala que Gonzalo Pérez Jácome agora recrimina a falta de axudas ao partido que o fixo alcalde cando hai uns meses chegou a afirmar que “en Ourense ninguén pasa fame”
Carmen-Rodríguez-Dacosta
Carmen Rodríguez Dacosta
21 Out 2024

Logo de que o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, sinalase á Xunta de Galicia como responsable de cortar os fondos das tarxetas moedeiro e que dende o goberno autonómico se desentendesen culpando ao Executivo de Pedro Sánchez, a deputada do socialista no Congreso Marga Martín Rodríguez lembra que foi precisamente este último o que destinou “catro veces máis orzamento para políticas sociais do que se aportaba co Goberno do PP”.

A tamén secretaria de Políticas Sociais do PSdeG explica que o Goberno de España puxo en marcha, co Fondo Social Europeo Plus (FSE+), as novas tarxetas moedeiro a través do programa Básico en abril deste ano. “Trátase dunha axuda que se destina a familias en condicións extremas de vulnerabilidade con nenas, nenos ou adolescentes ao seu cargo, atendendo así ao obxectivo de reducir a pobreza infantil que a Comisión Europea fixou como prioritario”, explica.

“A Xunta de Galicia é a que ten as competencias en materia de Política Social e no 2022 decidiu eliminar as tarxetas moedeiro, deixando a miles de familias sen unha axuda fundamental, esgrimindo como razón para facelo a mellora das condicións económicas cando aquel ano, por mor da guerra en Ucraína, se acadaron cifras históricas de inflación. Tivo que ser o Goberno central o que, unha vez máis, acudise ao rescate das familias galegas poñendo en marcha unha nova tarxeta moedeiro, que só é un complemento ás axudas que para as máis vulnerables ten a obriga de ofertar o executivo de Alfonso Rueda”, aclara.

Pola súa banda, a deputada do PSdeG no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, engade “que o goberno de Democracia Orensana non se caracteriza precisamente por facer propostas”, dende as súas competencias, para mellorar as políticas sociais. “Fulminou o Comedor sobre Rodas, o programa Educocio, deixou entidades do terceiro sector sen axudas, malia cumprir cos requisitos, e o mesmo aconteceu coas bolsas de comedor para familias con poucos recursos. Agora está pendente de renovación o Servizo de Axuda no Fogar”, enumera a socialista. Todo elo recordando, ademais, que o rexedor chegou a afirmar nalgunha ocasión que “en Ourense ninguén pasa fame”.

Os socialistas cualifican esta situación como “desoladora” e lamentan que a situación das persoas máis vulnerables ou en risco de exclusión só incite en DO e o PP a botar balóns fora mentres deixan sen dar resposta ás necesidades máis básicas dos demandantes destes programas.

0.19668507575989