Os socialistas ourensáns reclaman un espazo termal público de calidade
En pleno mes de xuño e ás portas da época estival, o grupo municipal socialista critica que as termas públicas non estean funcionando nin ao 40% da súa capacidade e que a sinalización coa que se atopan as e os visitantes ao chegar sexa escasa ou nula. Ademais, o tren turístico que saía da Praza Maior leva un mes averiado e sen visos de retomar a súa actividade polo de pronto. “No seu lugar habilitouse unha liña de autobús que sae da Alameda e deixa aos e ás usuarias na parada de Reza, onde tamén finaliza a liña 5”, explica o edil José Ángel Vázquez Barquero.
Non hai tampouco rastro de advertencia nas propias paradas que antes realizaba o tren turístico dos cambios realizados. “As queixas son abundantes tanto nas webs turísticas como nos propios autobuses onde as e os viaxeiros semellan desconcertados e as condicións do traxecto de acceso ás termas que deben realizar a pé non son as mellores, pois é un camiño de terra onde abundan as fochancas e os desniveis polo descoido do mantemento”, explica o concelleiro. Esto último supón, ademais, un problema tamén para a propia veciñanza de Ourense cando quere facer uso dun beneficio para a súa saúde.
Nesta liña, as e os socialistas sinalan que á ausencia de servizos ofertados e o deterioro da contorna hai que engadir a carencia dun establecemento para mercar bebidas, sen máis opción que a de achegarse ao establecemento das termas de pago.
“Moito do turismo que aposta polo desfrute destas augas é proclive a asentarse en lugares naturais como cámpings ou áreas para autocaravanas e na nosa cidade tampouco contan con esa opción. Escusarse, como fai o alcalde, en que só deixan residuos, aparte de ser mentira, ten dúas claras consecuencias: que algúns opten por marchar a outros municipios da provincia que si contan con espazos regulados e que aqueles que deciden quedar na nosa cidade teñan que facelo en zonas inseguras para eles e para o propio medio natural”, sopesa Vázquez Barquero. Ademais, unha alta porcentaxe dos visitantes que proveñen de Europa optan por este medio para as súas viaxes.
Así as cousas, as e os edís do PSdeG lamentan que o único que estea a conseguir o executivo de Jácome sexa que Ourense se converta nunha cidade de paso, botando por terra os esforzos de anteriores gobernos para deixar de ser a gran descoñecida de Galicia.