Os socialistas ourensáns reclaman unha xestión profesional e transparente da Estación de Manzaneda

OurenseXa
“A xestión é deficiente e un foco continuo de problemas, porén que a Estación representa un fito único na provincia, un activo turístico cun gran potencial económico”, afirma o deputado socialista Tino Alonso
psoe_medidas_manzaneda
Membros do Grupo Provincial Socialista na Estación de Montaña de Manzaneda
18 Mar 2024

O Grupo Provincial Socialista demanda da Deputación de Ourense unha xestión profesional e transparente da Estación de Montaña de Manzaneda.

“Ao longo catálogo de irregularidades que o Grupo Provincial Socialista ven denunciando desde hai anos a través de diferentes vías e que nunca foron satisfeitas, hai que engadir a chea recente de críticas de usuarios da Estación de Montaña de Manzaneda e profesionais dos deportes de neve e do sector, que chegan a afirmar que estamos diante dunhas instalacións propias dun país en vías de desenvolvemento”, declara o deputado socialista por Valdeorras na Deputación, Tino Alonso. Segundo este, “a xestión da Estación segue a ser moi deficiente, amais dun foco continuo de problemas, porén que esta representa un fito único na nosa provincia e en Galicia, un activo turístico de primeira orde cun elevado potencial dinamizador económico para toda a comarca”.

“A Estación non ofrece un servizo acaído coas necesidades dos amantes da montaña e os deportes de neve para erixirse nun motor económico do interior ourensán”, estima Amable Fernández, alcalde de Manzaneda. Son habituais os laios pola falta de persoal, a descoidada atención aos clientes, a falta de limpeza e mantemento das instalacións, o mal funcionamento do telecadeira, o aluguer de material ou a xestión dos forfaits. “Levamos anos queixándonos de que non hai neve dabondo para a práctica do esquí e nun momento en que a temos, xunto cunhas boas condicións, con vento moderado e mesmo raiolas de sol, cando a Estación ten que poñerse a funcionar de verdade, nada funciona!”, denuncia Fernández. O alcalde de Manzaneda arremete tamén contra a Deputación, á que acusa de desleixo, “xa que tampouco é de recibo que as estradas de acceso estean cheas de neve ou con varios dedos de xeo”.

Transparencia e implicación de todos os actores

“Esta secuencia de deficiencias ven derivada de toda unha serie de decisións erráticas que foron adoptadas na máis absoluta das opacidades”, sinala Alonso. Deste xeito, a transparencia confórmase coma outra das grandes esixencias do Grupo Provincial Socialista á Deputación de Ourense para a xestión da Estación de Manzaneda. “Hai lustros que pedimos información que non se nos da, á que non se nos permite acceder, remitíndonos a Deputación a Meisa e Meisa remitíndonos a non se sabe moi ben onde. Tal situación fai que nunca obteñamos respostas, como ocorre coas obras de innivación artificial sobre os que hai aspectos que nunca foron dilucidados, sobre todo no relativo a partes non executadas dos traballos ou os impactos medioambientais das mesmas nunha zona tan sinalada do Macizo Central de Ourense, a proximidade dunha zona natural protexida”.

Para unha meirande transparencia e “garantir a representatividade dos territorios nos que se asenta a Estación”, os socialistas consideran imprescindible o regreso ao consello de administración de Mesa dos alcaldes de Manzaneda e A Pobra de Trives. “Temos que poder sentarnos á táboa e falar de moitos temas, aportando as nosas ideas para que a Estación funcione como todos desexamos”, subliña Amable Fernández. Para Alonso, “tal e como ocorre en outras estacións españolas e europeas, consideramos imprescindible a posta en marcha dunha comisión para ver cara onde se debe avanzar e elaborar un plan estratéxico, onde estean representados todos os actores concernidos, tanto Xunta de Galicia como a Deputación, incluíndo a todos os grupos con representación na institución, e os concellos nos que se insire a Estación de Montaña de Manzaneda”.

0.14912104606628