Os socialistas ourensáns renden homenaxe a Luisa Villalta
A Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense organizou este luns, 20 de maio, un acto na Bilioteca Nós para conmemorar á escritora á que este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas. Un acto que contou coa intervención de Natalia González, secretaria xeral do partido na cidade; Cristina Cruz, secretaria de Educación da CEM; Margarida Pizcueta, secretaria da Lingua da CENG; e Xoán Carlos Domínguez, escritor e poeta.
A seceretaria xeral dos e das socialistas introduciu a mesa redonda destacando a importancia de poñer no centro as obras e traballo dunha muller que quixo dar voz a outras mulleres e que tan só é a sexta, fronte a 58 homes, que recibe este recoñecemento. “Uniu a literatura e a música cun fin reivindicativo e de compromiso. E sempre se mantivo vencellada ás necesidades da sociedade galega da súa época”, sinalou sobre a profesora de Lingua e Literatura Galega en centros de ensinanza secundaria públicos.
Pola súa banda, Cristina Cruz quixo facer súas as palabras de Víctor Fernández Freixanes, presidente da RAG, cando afirmou sobre o galego que “é a única lingua ou literatura que ten como primeira bandeira a unha muller, a Rosalía de Castro”. E expresou que Luísa Villalta é unha artista que “merece este recoñecemento con creces, xa que é moi doado, unha vez que nos aproximamos a súa escrita, encariñarnos coa sensibilidade e a paixón que percorren os seus versos”.
Así mesmo, afirmou que o da homenaxeada é un “nome que evoca poesía, música, ensaio, activismo, dramaturxia e docencia” e agradeceu aos asistentes a súa presenza lembrando que, malia todo, “Ourense é cultura, é memoria e é dignidade”.
Margarida Pizcueta comezou a súa intervención facendo unha semblanza de Villalta e subliñou a preocupante situación na que se atopa a nosa lingua. “Luísa é e será un magnifico exemplo para as nenas e as mulleres que queremos cambiar este mundo, esta sociedade, e non se pode nin se debe celebrar o Día das Letras Galegas sen falar da situación do galego, porque este é un día para celebrar, pero tamén para vindicar”, expuxo na biblioteca.
“Ás mulleres e á lingua quédanos moita loita. Eu, como muller e como galega orgullosa de selo, tento a cada paso que dou abrir camiño para as que virán detrás. Ese é o meu compromiso co feminismo e co idioma”, incidiu a actual secretaria da Lingua da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG.
Por último, o poeta e escritor Xoan Carlos Domínguez, salientou a figura “anticonvencional, selecta e comprometida" da autora coa que, ademais, comparte a similitude de ter estudado Filoloxía. E debuxou ao público algunhas das claves da súa obra, como a orixinalidade, a interrelación entre a música e a palabra, a identidade con Galicia, a irmandade con Portugal ou o compromiso cívico que sempre adquiriu.
O broche final correu a cargo do grupo de música tradicional Ergutio, na Praza da II República, onde interpretaron varios temas.