Os socialistas ourensáns solicitan un Consello Municipal de Igualdade para abordar o peche do CIMM
O PSdeG-PSOE no Concello de Ourense informa de que, ante a gravidade dos feitos que se coñeceron a semana pasada durante as Xuntas de Área do Concello de Ourense, cando o goberno de Gonzalo Pérez Jácome expresou a súa intención de pechar o actual CIMM (Centro de Información Municipal á Muller), o grupo municipal socialista vén de rexistrar unha peticion por escrito para que se convoque, urxentemente, unha reunión extraordinaria do Consello Municipal de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes.
O obxectivo de dita solicitude é que se aborde “a negativa do executivo local para executar as obras necesarias de eliminación do gas radón na que ata o de agora era a sede do CIMM, o peche inminente e 'sine die' dunha instalación de referencia a nivel autonómico e o traslado das súas traballadoras ao edifício multiusos da Praza San Martiño”.
Ademais, as e os socialistas reclaman explicacións sobre a posible desaparición, ao non contar con alternativas de emprazamento, de programas e servizos da Concellería de Igualdade que nesas instalacións se desenvolvían.