Os socialistas piden a Jácome que considere convocar o Consello Municipal de Igualdade

OurenseXa
Dende o grupo municipal solicitan ao alcalde que dea marcha atrás ao igual que o fixo coa loita de mecos de cara a organizar as actividades institucionais para conmemorar o 8M
Natalia González e Alba Iglesias, grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense
Natalia González e Alba Iglesias, grupo municipal socialista no Concello de Ourense
20 Feb 2025

Dende o grupo municipal socialista agradecen que o goberno do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, recuase na súa decisión de eliminar da programación do entroido deste ano a tradicional loita de mecos que se organizaba coa cativada dos distintos colexios da cidade para celebrar o xoves de comadres.

Logo dos argumentos ofrecidos pola edil responsable nas Xuntas de Área que tiveron lugar onte no Concello de Ourense, as e os socialistas volveron a insistir ao executivo ante o descontento amosado tamén pola comunidade educativa que debería limitar a actividade aos patios dos colexios. "Alegrámonos de que cambiasen de opinión e non se escusen na organización dos talleres de máscaras para fulminar a loita de mecos, como afirmaron. Porque entendemos que as tradicións non son excluíntes e que ambas promoven a nosa cultura de entroido entre o alumnado", defende a voceira do PSdeG, Natalia González.

Neste senso, a portavoz no Concello reclama ao goberno de Democracia Orensana que tamén dea marcha atrás na súa decisión de non convocar o Consello Municipal de Igualdade para abordar con todos os grupos políticos a programación e actividades institucionais para conmemorar o 8M.

"A xornada de onte resultou funesta para o feminismo e a igualdade na cidade porque se nos informou de que non se terían en conta as aportacións que estimásemos oportunas facer, ao estar a programación do 8M practicamente pechada, e que non se convocaría o CMI nin sequera para ofrecer información ou dar explicacións ao respecto da mesma", continúa sinalando a socialista.

"Tamén se nos comunicou que non haberá actividades de conciliación nos centros cívicos en períodos non lectivos e isto prexudica, sobre todo, as mulleres con menos recursos económicos que terán que recorrer a outras opcións", rematou lembrando a tamén secretaria xeral do PSdeG en Ourense.

0.16859793663025