Os socialistas piden a Jácome que dea marcha atrás na súa decisión de eliminar a loita de mecos

OurenseXa
Denuncian que o “executivo local fulmina unha actividade na que participaba cada ano a rapazada dos centros de ensino e que servía, a súa vez, para afondar nas nosas tradicións
Loita de Mecos, Ourense, 2024
Loita de Mecos, Ourense, 2024
19 Feb 2025

Logo de preguntar as e os socialistas na Xunta de Área de Dinamización que tivo lugar este martes, o equipo de goberno de Gonzalo Pérez Jácome reafirmou que non haberá loita de mecos para abrir o entroido, como era tradición, na Praza Maior. “Tal e como denunciamos hai unha semana, o executivo local fulmina unha actividade na que participaba cada ano a rapazada dos centros de ensino e que servía, a súa vez, para afondar nas nosas tradicións”, explica a edil do PSdeG Cristina Cruz.

Neste senso, dende o grupo municipal socialista xa pediron ao goberno que recuase e permitise a organización dun encontro que tiña lugar o xoves de comadres, do mesmo xeito que veñen reclamando as asociacións de nais e pais dos colexios que agora verán reducida ao patio do centro, no caso de ter espazo, a loita de mecos. “A contestación que nos deron foi que nesta ocasión decidiron mudar, dende a Concellería de Educación, a loita de mecos por obradoiros de máscaras. Pero nós defendemos que as tradicións non son excluíntes e que, de ter vontade política, as dúas teñen cabida”, incide a socialista.

Tamén destacan dende o grupo socialista no Concello de Ourense a resposta dada á pregunta de cal era o orzamento que manexaban investir no entroido 2025. “Contestaron que non hai previsión de presuposto e que a barra será pagada en especies para sufragar outros gastos”, asevera a edil toda vez xa rematou a Xunta de Área.

 

0.12886786460876