Os socialistas piden ao Concello de Ourense que recoñeza o Estado de Palestina

OurenseXa
Instan á corporación municipal a tomar partido contra o xenocidio en Gaza a través dunha declaración institucional ara "esixir o cesamento inmediato das hostilidades”
natalia-gonzalez-psoe-ourense-gaza
22 Sep 2025

O grupo municipal socialista do Concello de Ourense presentou unha proposta para que a corporación respalde unha declaración institucional na que se reclame o fin inmediato da violencia en Gaza e no resto dos territorios palestinos.

Segundo a iniciativa, o Concello debe "esixir o cesamento inmediato das hostilidades en Gaza e no resto dos territorios palestinos, instando a todas as partes implicadas a respectar plenamente o dereito internacional humanitario e a protexer á poboación civil, con especial atención á infancia, ás persoas maiores e aos colectivos máis vulnerables".
O texto sinala que a institución local, como ente democrático "comprometida coa defensa dos dereitos humanos, a paz e a solidariedade", ten a obriga de "alzar a súa voz fronte á traxedia que se vive na Franxa de Gaza e no conxunto de Palestina". Ademais, lembra que a poboación civil sofre desde outubro de 2023 unha violencia extrema, con miles de mortos, destrucción de vivendas, escolas e infraestruturas básicas, e desprazamentos forzosos que afectan especialmente a nenos e nenas.

O grupo socialista subliña tamén que o Concello debe reafirmar o seu "papel clave na sensibilización, na promoción da cultura de paz e na protección dos valores democráticos", así como esixir que a axuda humanitaria chegue de forma segura e sen restricións a todas as persoas afectadas, garantindo que alimentos, medicinas e recursos básicos non se utilicen como instrumento de presión ou control.

Ademais, a declaración busca consolidar o apoio do Concello de Ourense ao recoñecemento do Estado de Palestina, considerado polos socialistas como unha medida esencial para avanzar cara a "una solución política xusta e duradeira baseada na coexistencia pacífica de dous Estados", e apoiar a posición do Goberno de España en foros internacionais en favor da paz, a xustiza internacional e o levantamento do bloqueo sobre Gaza.

Os edís socialistas lamentan que o Concello de Ourense fora "o único das grandes cidades de Galicia que non se sumou ao minuto de silencio promovido pola FEGAMP o pasado venres nin se procedera á lectura do manifesto elaborado pola propia Federación Galega de Municipios".

⚙ Configurar cookies
0.12926697731018