Os socialistas piden claridade ao Goberno Municipal sobre o anuncio de plantar 14.000 novas árbores

OurenseXa
“Pedimos seriedade, responsabilidade e que non se continúen perdendo oportunidades para facer de Ourense unha cidade máis verde e habitable”, advirte a edil Alba Iglesias
Concello de Ourense
11 Sep 2024

Dende o grupo municipal socialista do Concello de Ourense valoran positivamente que o executivo de Gonzalo Pérez Jácome presente o proxecto para plantar 14.000 novas árbores e lembran que se trata dunha promesa incumprida en reiteradas ocasións con subvencións que o goberno local anuncia que pedirá e nunca chegan. “Apoiamos esta iniciativa porque é algo que levamos reclamando desde fai moito tempo”, expón a edil Alba Iglesias amosando reticencias.

“O que non entendemos é por que non se solicitaron xa os fondos europeos prometidos hai un ano. Outra oportunidade perdida por este goberno que non é quen de xestionar os recursos que a nosa cidade necesita”, engade.

Neste senso, as e os socialistas inciden en que a aposta medioambiental ten que ser liderada polos propios entes municipais e aínda queda moito traballo pendente de cara a conseguir un Ourense máis verde e sostible que non se levou a cabo nin cando gobernaba o PP, nin cando o facía conxuntamente con Democracia Orensana ou cando rexe este último en solitario. “Levamos anos vendo talas masivas e un abandono total dos espazos verdes mentres as temperaturas máximas continúan superándose”, sinala a tamén secretaria xeral de Xuventudes Socialistas.

E lamenta, así as cousas, que o executivo municipal e o autonómico semellen estar somerxidos nunha “carreira para ver quen fai máis anuncios” ao expresar o alcalde que leva agardando meses para ter unha reunión co presidente da Xunta de Galicia. “Fai máis dun ano Jácome e Rueda fixéronse unha foto prometendo 10.000 árbores e aquí seguimos sen ver nin a primeira”, recorda a concelleira do PSdeG.

“Pedimos seriedade, responsabilidade e que non se continúen perdendo oportunidades para facer de Ourense unha cidade máis verde e habitable”, remata aclarando que este proxecto non pode quedar en promesas baleiras e que esixirán ao goberno transparencia e eficiencia na xestión do mesmo e dos fondos que se soliciten para elo.

0.16876006126404