Os socialistas piden o cese do desmantelamento dos recursos para loitar contra a violencia de xénero
A Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense amosa a súa repulsa contra os recentes casos de violencia de xénero acontecidos na cidade e no país nos últimos días. Rexistráronse cinco novos asasinatos machistas (3 mulleres e 2 menores) en Las Pedroñeras (Cuenca), Fuengirola (Málaga) e Zafarraya (Granada) só durante o pasado fin de semana. Desexamos trasladar todo o noso aprezo e sincero pésame ás familias e amizades das vítimas.
Así mesmo, as e os socialistas ourensáns súmanse ao chamamento do Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para a unidade de todas as forzas políticas para renovar o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Solicitan, ademais, que se proceda por parte das institucións da cidade "a convocar un acto de repulsa ante a gravidade dos sucesos ocorridos nos últimos días, que nunca poden ser normalizados nin moito menos silenciados por parte da nosa sociedade".
As e os socialistas tamén instan ao goberno municipal "a deixar de mirar para outro lado ante a necesaria loita contra a violencia de xénero, a blindar o Centro de Información Municipal á Muller e as súas anteriores instalacións e deixar de recortar e desmantelar as políticas de igualdade e os recursos para a loita contra a violencia machista".
Expresan, nesta liña, que condean rotundamente o ocorrido no barrio de O Couto en Ourense, onde un home atacou a súa parella rompéndolle o nariz, un brazo e a dentadura, aparte de provocarlle múltiples hematomas. A vítima decidiu non denunciar e o agresor foi posto en liberdade.
"Consideramos fundamental recordar que na nosa provincia seguen a aumentar os casos de violencia de xénero no último ano, sen contabilizar aqueles que non se denuncian por parte das vítimas. Actualmente hai 449 casos activos, 7 vítimas consideradas como de risco alto", alertan.