Os socialistas presentarán emendas ao proxecto de orzamento presentado polo Goberno de Jácome

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou este xoves o proxecto de orzamento para 2025 da Administración municipal e as e os socialistas anunciaron que presentarán emendas ao mesmo para realizar as aportacións ou suxerir as modificacións que consideren precisas, do mesmo xeito que xa fixeron cos recentes proxectos de ordenanzas coñecidos. “Xa queda menos para que poidamos coñecer o informe de Intervención a respecto do presuposto e o expediente completo do mesmo para que poidamos formular as nosas alegacións”, afirma a edil do PSdeG María Fernández lembrando que ata o de agora non dispoñen de todos os documentos.
Neste senso, o procedemento que continúa é o de remitir o proxecto de orzamento á Comisión de Pleno para que, posteriormente e de conformidade co previsto no Regulamento Orgánico do Concello, se inicie o prazo de 10 días naturais para a presentación de ditas emendas. “Agora que semella que o presuposto municipal vai adiante, agardamos que se poidan solventar as eivas máis relevantes e urxentes, así como as carencias que actualmente sofre a nosa Administración local. É o caso das concesións en precario ou do Periodo Medio de Pago (PMP) a provedores. A aprobación dun documento como este debería ser unha oportunidade para solventar estas eivas que ralentizan o funcionamento do Concello e impiden que a nosa cidade avance cara adiante”, engade a socialista.
Insiste, non obstante, en que ata que non se convoque a Comisión de Pleno non disporán do expediente completo para facer un estudo en profundidade para aportar todas aquelas emendas que “melloren o proxecto” actual. “Do pouco que coñecemos si podemos destacar que ten bastantes vicios importantes, como a ausencia de investimentos, a ausencia dunha planificación a longo prazo, ou mesmo da mellora de infraestruturas relevantes que deixan ao albor de futuras modificacións de crédito e cun remanente de Tesouraría que xa está bastante comprometido polas débedas contraídas polo goberno municipal”, aclara sobre deficiencias xa detectadas.
“Tampouco vimos, na documentación da que dispomos, investimentos en materia de vivenda, igualdade ou no capítulo de benestar social. E nós non falamos de caridade, senón de poder dotar de orzamento todos eses servizos que foron desmantelados polo goberno de Gonzalo Pérez Jácome nos últimos anos”, remata sobre algunhas áreas que consideran imprescindible abordar.