Os socialistas reclaman a Jácome que devolva a “A Molinera” a súa función orixinal como centro de innovación

OurenseXa
Piden ademais que se poña en marcha un programa anual baixo o nome de ‘Ourense Innova’ que inclúa formación práctica en competencias dixitais e novos oficios, obradoiros interxeracionais e actividades para mozos e mozas creadoras
J.A.V.Barquero, Natalia González e Alba Iglesias
José Ángel Vázquez Barquero, Natalia González e Alban Iglesias
30 Jul 2025

O grupo socialista do Concello de Ourense anunciou que levará ao pleno de agosto unha iniciativa para que o goberno local recupere para o edificio de “A Molinera” a súa función orixinal como centro de innovación, e que ademais impulse un programa anual denominado “Ourense Innova”.

O edil do PSdeG, José Ángel Vázquez Barquero, lembrou que “a creación deste centro de coñecemento foi unha iniciativa do executivo bipartito do PSdeG-PSOE e o BNG, que xurdiu durante o mandato 2007-2011, e recollía a reivindicación veciñal de recuperar para uso público as antigas instalacións da empresa panificadora do mesmo nome”. Segundo explicou, o proxecto orixinal, financiado polo Ministerio de Industria, buscaba replicar en Ourense modelos de centros de innovación social que xa se desenvolvían noutras partes do Estado e a nivel internacional.

Con todo, lembran os socialistas, en 2019 o alcalde decidiu converter o edificio en sede do futuro Centro de Intelixencia Artificial e trasladar as actividades previas a un novo complexo cultural situado en San Francisco, o que consideran “unha desacertada e unilateral decisión rexeitada unanimemente por todos os partidos da oposición”. Vázquez Barquero advertiu que esta medida supuxo “o efectivo desmantelamento do centro de coñecemento e unha perda salientable para a nosa cidade”.

Ademais, o grupo socialista lembrou que o Centro de Intelixencia Artificial pechou hai tres anos, segundo anunciou o propio alcalde, alegando falta de apoio das administracións. “Esquecíase o rexedor de concretar que a súa cativa herdanza se resumía na contratación en precario de 11 enxeñeiros informáticos e un nulo pulo do desenvolvemento da cidade, á costa de facer desaparecer o centro de coñecemento de ‘A Molinera’”, sinalou.

Por todo iso, os socialistas piden que se recupere o uso orixinal do espazo e se impulse “un programa anual baixo o nome de ‘Ourense Innova’ que inclúa: formación práctica en competencias dixitais e novos oficios, obradoiros interxeracionais e actividades para mozos e mozas creadoras, apoio a iniciativas cidadás que melloren a cidade, un espazo estable de coworking para emprendedores e profesionais locais, actividades en colaboración con centros educativos, universidades e colectivos sociais”.

⚙ Configurar cookies
0.3259220123291