Os socialistas reclaman novamente as axudas de emerxencia social
Dende o grupo municipal socialista reiteran a súa crítica ante a falta de previsión e ausencia de vontade política para priorizar expedientes de modificacións orzamentarias que habiliten crédito para afrontar as necesidades máis urxentes no que atinxe aos asuntos sociais do Concello de Ourense. “Para Jácome é máis importante habilitar cartos para alumeamento de Nadal que poder aboar axudas básicas ás persoas máis vulnerables da cidade”, sostén a voceira do PSdeG na Administración local, Natalia González Benéitez.
Neste senso, explica que todos os grupos políticos tiveron coñecemento, na Xunta de Área que tivo lugar esta semana, de que a partida para emerxencias sociais está esgotada e que, segundo a edil responsable da carteira, existen un total de 247 solicitudes de prestacións deste tipo tramitadas e non pagadas por falta de crédito. “Esta situación implica deixar á marxe, durante demasiado tempo, ás persoas que máis o precisan”, lamenta.
Asemade, a portavoz socialista cualifica as reivindicacións expresadas polo grupo municipal do PP en canto ás axudas de Emerxencia Social e a ausencia de prazas de conciliación de “descaro político” e afirma que “se hai algún responsable de todo isto ese é o Partido Popular”. “Fai un ano abstíñanse para dar luz verde ao expediente irregular das luces de Nadal a cambio de supostas melloras nos servizos sociais e dende aqueles días asistimos ao desmantelamento absoluto dos mesmos na nosa cidade”, lembra facendo balance.
Ante este contexto, as e os edís do PSdeG sinalan que algo similar aconteceu este mesmo mes, cando os populares venderon como un logro o pago a provedores a cambio de aprobar o alumeamento no pleno. “Cremos que os beneficios que reportará á cidadanía serán os mesmos porque todo semella unha cortina de fume para colgarse medallas de plástico e facer o ridículo mentres continúan a ser os cómplices necesarios da lamentable situación na que se atopa sumido o Concello de Ourense”, rematan advertindo.