Os socialistas reclaman solucións ante as deficiencias detectadas na remodelación do Estadio de O Couto
Hai cinco meses, en decembro de 2023, o grupo municipal socialista a través das súas representantes no Consello Municipal de Deportes (CMD), Natalia González e María Fernández expuxeron a necesidade de que dende o propio organismo se trasladaran á Xunta de Galicia todas as eivas e melloras a levar a cabo antes do remate das obras de remodelación do Estadio de O Couto. E dende o PSdeG de Ourense lamentan que nada se fixera para recoller as aportacións de todas as formacións políticas, nin por parte do edil Aníbal Pereira nin por parte do alcalde.
“Este fin de semana Ourense recuperaba unha das súas infraestruturas deportivas máis relevantes e a Xunta de Galicia afirmou que o investimento realizado foi de máis de 2 millóns de euros. O problema é que o que semellaba ser unha remodelación integral do estadio resultou ser un parcheo e xa se detectaron numerosas eivas no proxecto e nas obras executadas”, critica a socialista María Fernández puntualizando que algunhas delas xa se advertiran no CMD.
Nesta liña, sinalan que nada se fixo por parte do goberno local para instar e obrigar á Xunta de Galicia a dar solución a todos os problemas que se detectaran cando a actividade aínda non volvera ás intalacións. “Jácome púxose de perfil ante unha nova chapuza do executivo autonómico en Ourense. Tanto a nosa cidade como os e as deportistas e afeccionados e afeccionadas ourensás merecen un estadio propio do século XXI”, incidiu a portavoz do grupo, Natalia González.
Ámbalas dúas explicaron, meses atrás, que era relevante comprobar que os valados metálicos se adaptaban á normativa vixente, que a entrada aos locais das federacións deportivas era adecuada e funcional, que a instalación da iluminación presentaba a suficiente calidade, así como que se priorizaba o aforro e a eficiencia enerxética. “É evidente, e así se fixo manifesto no primeiro partido de inauguración do campo, que as obras non foron as necesarias. Por iso, esta mesma semana, trasladaremos, unha vez máis, no Consello Municipal de Deportes que Ourense merece un estadio digno e solicitaremos unha solución urxente ao goberno autonómico para solventar as eivas detectadas”, subliñou a tamén secretaria xeral do PSdeG na cidade.
Entre as deficiencias que se percibiron logo do primeiro partido están: a cuberta do marcador (aboiada tralo contacto de 3 balóns), a ausencia de ventás nos vestiarios, a grada de fondo continúa sen rematar de pintar e presenta un aspecto sucio, as paredes e corredores tamén semellan mal pintados e sen rematar, algunhas gradas presentan maleza e o cableado eléctrico permanece aínda ao aire e sen rematar de cubrir.
"Como sempre defendemos, esta era unha obra chave para Ourense e o executivo de Jácome mirou para outro lado a sabendas de que as actuacións que estaba a realizar a Xunta de Galicia eran unha auténtica chapuza da que se queixa publicamente e en redes sociais pero nada fixo por remediar”, rematou a socialista.